“En tempos dunha crise como a actual, as empresas deberían estar máis preocupada en buscar contratas que en acosar a un traballador”, subliñaba o secretario comarcal da Federación de Construción e Madeira (FCM), Marcos Sánchez, quen compareceu en rolda de prensa acompañada polo delegado da CIG, Carlos Rodríguez, e os membros da executiva comarcal, Víctor Díaz e Óscar Péres.
A Federación de Construción e Madeira denunciaba así publicamente que a empresa vén de retomar a política de acoso contra persoal afiliado á CIG. De feito, este delegado xa fora despedido hai uns anos, aínda que Eshor tivo que readmitilo logo de que a xustiza declarase improcedente o despedimento.
Nesta ocasión, explicaba Sánchez, o acoso estase a producir dun xeito máis sibilino. O pasado mércores 19 de maio, a empresa, vía telefónica, diríxese ao traballador para comunicarlle que ten que trasladarse a unha obra en Oleiros. Ao día seguinte, e cumprindo as instrucións, o delegado da CIG acode ás instalacións da empresa en Fene para solicitar que lle comunicasen por escrito a que obra tiña que ir. Non obstante, a empresa négase a informar por escrito dese cambio e a facilitarlle o desprazamento até a nova tarefa, incumprindo así as súas obrigas legais co empregado.
Diante da actitude da empresa, e coñecidas as prácticas habituais en Eshor, dende a FCM de Ferrol veñen de presentar denuncia ante a Inspección de Traballo co obxecto de que abra unha investigación dos feitos e sancione a empresa, obrigándoa a axustarse ao dereito.
Dende a CIG-Construción apuntan que con estas manobras a empresa pretende desfacerse do persoal da central que reivindica os seus dereitos e amosa unha actitude crítica coas prácticas empresariais desta construtora, que ten acumulado ducias de sentenzas por contratacións en fraude de lei, despedimentos improcedentes, negarse a conceder o dereito ás vacacións, etc.