Nos recursos, explicaba a presidenta do Comité e delegada da CIG, Dina Lema, solicítase a anulación de todo o expediente “por ser este, ao noso entender, nulo de pleno dereito, polo que os 68 despedimentos admitidos pola Consellería de Traballo han de ser revogados pola Conselleira coruñesa Beatriz Mato”.
O Recurso de Alzada presentado polo Comité de Empresa vai avalado polas firmas de todos os seus membros e a da gran maioría dos traballadores e traballadoras da empresa. Alén deste, cada organización sindical con representación na planta de A Grela presentou o seu propio recurso. “A intención clara da empresa con este ERE é reducir ao máximo posíbel o persoal fixo, posibilitando unha maior precariedade. E a Xunta amosouse, coa súa decisión, cómplice da precarización en Sykes”, denunciaba Lema.
Ademais, esta mesma mañá, a multinacional comunicaba 62 novos despedimentos de persoal con contrato por obra destinado a campañas de Vodafone, que se veñen a sumar aos 68 despedidos/as no expediente de regulación e aos 108 traballadores/as aos que a empresa rescindiu o contrato a finais de marzo.
Política de represión
Dende o Comité reclamouse a Xunta que “esta vez se sexan atendidas as nosas razóns pola administración, e agardamos que non pretendan soslaiar esta cuestión pola vía do silencio administrativo”, apuntaba Lema. A presidenta do Comité quixo denunciar tamén as políticas de represión que a empresa está a pór en práctica. Neste senso, apuntou que Sykes continúa realizando “sancións e despedimentos disciplinarios a traballadores/as e membros deste Comité de Empresa, para intentar acalar as nosas reivindicacións, tendo que padecer este persoal ao longo deste ano 2010 a perda de máis de 230 empregos”.
Os argumento do recurso
Nos recursos sinálase que a Xunta só ten en conta os documentos e peticións da empresa, desoíndo e ignorando por completo os informes achegados polas Centrais Sindicais. Así, denúnciase, a Consellaría de Traballo aprobou un ERE para o que a empresa non achegara a documentación necesaria para iniciar ese expediente, “polo que este debe ser considerado nulo de forma radical. Non existe causa económica”, arguméntase, “de feito, a empresa nunca até este ano tivera tantos beneficios”.
A respecto da xurisprudencia na que se basea a Xunta para aceptar a causa organizativa, “é antiga e xa ten sido rebatida polo Tribunal Supremo. Ademais, a suposta perda dun contrato con Telefónica, que a Xunta da por boa, é simplemente falsa”, apuntou Dina Lema. Así mesmo, nos recursos presentados hoxe sublíñase que a empresa non acreditou a “baixada de produción” en Vodafone e mesmo o persoal despedido estaba xa recolocado e traballando con normalidade.
En ningún momento, nin a empresa, nin a Xunta, mencionan que a aprobación do ERE poida supoñer unha mellora na viabilidade futura da empresa. Por isto, a Presidenta do Comité entende que “a administración acepta que se poida presentar un ERE para que unha empresa poida gañar máis diñeiro”. “A Consellería permite que a empresa poida despedir libremente aos indefinidos máis antigos a un baixo custe (incluídos a membros do Comité) mentres a empresa está a contratar en precario a máis persoal en Ponferrada”, advertiu.