Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 4/6/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG deslígase da Comisión Investigadora do accidente en Repsol por entender que só busca eludir responsabilidades empresariais

Os/as delegados/as da central veñen de presentar denuncia na Inspección de Traballo para que sexa a administración quen avalíe as causas do sinistro
Os/as delegados/as da CIG na refinería de Repsol veñen de presentar denuncia na Inspección de Traballo solicitando que inicie unha investigación a respecto do accidente ocorrido o pasado 23 de abril nas instalacións e no que resultou ferido un operario dunha subcontrata. A decisión da central chega logo da última reunión da Comisión de Investigación, da que a CIG se desligou ao entender que a empresa só busca eludir responsabilidades e non aclarar as causas do sinistro e evitar que se repita.

O xoves 31 de maio tivo lugar unha nova reunión da Comisión Investigadora do accidente de Platformado-2, ocorrido o pasado 23 de abril durante a parada de mantemento da refinería de Repsol na Coruña e no que resultou ferido un operario ao precipitarse dende unha altura de máis de 20 metros

Nesta reunión, despois de que a CIG presentara o seu informe do accidente e CCOO, STR e USO presentaran outro informe, o Presidente da Comisión, D. Santiago Cortizas, manifestou que a empresa tiña un documento que, segundo el, era un resumo dos presentados pola parte social.

Dende a CIG solicitáronse copias de ambos os dous documentos para estudalos, comparalos co elaborado pola central nacionalista, e tratar de chegar a un documento conxunto. “Ante esta petición, o presidente da Comisión manifesta que non se nos van entregar copias e que poderemos consultalos no despacho da Secretaria da Comisión Investigadora, a avogada da empresa”, explica o delegado da CIG en Repsol, Alberte Ferreiro.

Esta actitude de atranco na facilitación da documentación, que xa é reiterativa, e a lectura do documento presentado pola Dirección, que a única similitude que ten co presentado pola CIG é a data do accidente, “obrígannos a desligarnos desta Comisión Investigadora, que ao noso xeito de ver as cousas non trata de investigar os motivos do accidente para rectificalos e que non sucedan accidentes similares novamente, senón que o que trata é de eludir responsabilidades empresariais”, sinala.

Así as cousas, a CIG, tal e como manifestara na reunión, fixo entrega hoxe, luns 4 de xuño, do informe na Inspección de Traballo para que sexa a administración quen, á vista dos informes que se presenten, avalíe as causas do accidente.

Por outra banda, e ante a posibilidade de que as demais organizacións sindicais asinen un informe nos termos do documento presentado pola Dirección, “dende a CIG vémonos obrigados a aludir ás responsabilidades dos Delegados de Prevención na sinatura dun documento baseado nas manifestacións das testemuñas, non de todas, e non en parámetros técnicos, que só trata de eludir responsabilidades na Prevención de accidentes similares”, advirten os/as representantes da CIG.

cig.prensa@galizacig.com