Maio adoita ser un mes no que hai un descenso estacional do desemprego. Porén, a situación é tan grave que, desta volta ese descenso foi o máis baixo desde que comezou a crise. Así, no ano 2008 baixara un 1,9%; en 2009, o 1,5%; en 2010, o 2,3%; en 2011 o 1,9%. Fronte a isto, no ano actual -2012- ese descenso foi de tan só o 0,37%, fronte a un 0,63% no conxunto do estado.
Galiza foi, ademais, a terceira comunidade na que menos descendeu o paro neste mes, logo de Madrid e Estremadura, co agravante de que temos un 15,25% máis de desempregados respecto de maio de 2011. O descenso deuse en todos os sectores, agás no de Servizos, onde o incremento foi do 0,41%.
Antonio López Rivera, secretario confederal de Emprego, considera que de manterse este ritmo de redución de paro “necesitaríamos tres anos para situarnos en cifras de maio de 2011, onde o paro xa era escandaloso e moitísimos máis en pornos en datas de desemprego similares ás que había antes de iniciarse a crise, en 2008”.
Contratación
Nun contexto tan adverso é aínda máis grave a situación dos contratos. Segue caendo a contratación indefinida que pasou do 9% ao 8,1%, constatándose un incremento da temporalidade. Tal é así que aínda que o paro se reduciu en 1.036 persoas, rexistráronse este mes un total de 52.000 contratos máis que anterior.
Os datos de contratación e de paro veñen demostrar, segundo explica Rivera “a nula efectividade que está a ter a reforma laboral, canto a creación de emprego”. Por contra, salienta “os devastadores efectos que está a provocar incrementando a eventualidade e unha elevadísima rotación no escaso emprego existente e, en consecuencia, unha maior precarización das condicións laborais”.