Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 4/6/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Comezan as mobilizacións en Valet Parking contra o despedimento dun traballador

A CIG xa solicitou unha reunión con AENA para explicarlle a situación que se vive na empresa
Traballadores e traballadoras de Valet Parking, apoiados pola CIG, concentrábanse o pasado venres, día 1 de xuño, diante das instalacións do aparcamento, no aeroporto de Lavacolla, para manifestar o seu apoio e solidariedade ao compañeiro despedido, exixir a súa inmediata readmisión e o cese das presións que vén sufrindo o persoal por parte do encargado.

A CIG anuncia que este tipo de concentracións van continuar e informa de que xa se solicitou unha reunión con AENA, a quen se lle darán cumpridas explicacións do que está a ocorrer neste servizo “para que non poida seguir mirando para outro lado, como até o de agora”, explica Inácio Pavón, da FGAMT-CIG. No caso de non actuar, advirte, a CIG entenderá que “AENA se sitúa de parte da empresa” e, en función diso, estenderá o conflito ao aeroporto.

A FGAMT-CIG, denunciou a semana pasada que a concesionaria do Valet Parking mandou ao traballador de vacacións e coa escusa de que fora recoller as quendas de traballo, antes de rematalas, entregoulle unha carta de despedimento aducindo que era “disciplinario”.

Victor Fuentes, o delegado de persoal da CIG asegurou que se recoñecera que eses non eran os motivos, xa que a empresa pagou unha indemnización polo despedimento coa pretensión de saldar así a súa decisión.

A CIG chegou a reunirse coa empresa para informala de que non se aceptaba este despedimento, que consideraba un “capricho” do encargado, nin as actitudes que este viña mantendo co persoal. Actitudes que están a provocar un clima laboral agora agravado co despedimento deste traballador.

Porén, a empresa decidiu apoiar a decisión do encargado e avalar as súas actitudes, polo que a central sindical acordou iniciar unha campaña de mobilizacións das que a concentración do pasado venres foi a primeira. Alén diso, a CIG xa anunciou que non descarta a convocatoria dunha folga no aparcamento de Lavacolla se Valet Parking non reconsidera a súa actitude.

cig.prensa@galizacig.com