Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 4/7/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG afirma que a pretensión do PP de despedir a miles de empregados/as públicos/as é inadmisíbel

A Área Pública da CIG (Administración, Ensino e Saúde) oporase con todos os medios ao seu alcance a aplicación desta medida
A Área Pública da CIG (CIG-Ensino, CIG-Saúde e CIG-Administración) manifesta a súa máis rotunda oposición á pretensión do PP de facer pagar ás empregadas e empregados públicos o rescate da banca cos seus postos de traballo. Considera que é inaceptábel tratar de aforrar 80.000 millóns de euros a cambio de mandar ao paro ás persoas que traballan para as administracións, cando non se adopta ningunha medida dirixida a facer pagar a quen máis ten, controlar as actividades dos especuladores, impedir a fraude fiscal ou mudar un sistema que está a favorecer a acumulación de capital en cada vez menos mans, mentres se empobrece ao conxunto da poboación.

A Área Pública da CIG oporase a esta medida, adiantada hoxe nos medios de comunicación, con todos os medios o seu alcance polo que implica directamente para as persoas afectadas e polas consecuencias que terá para o conxunto da sociedade.

O que para o PP é ‘adelgazar’ a administración, para a central sindical tradúcese en deterioro e desaparición de servizos públicos e privatización daqueles que sexan máis rendíbeis, para seguir beneficiando ás empresas privadas que teñen como única pretensión incrementar a súa cota de negocio.

O secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, afirma que o PP “amosa así o seu máis absoluto desprezo por garantir e facilitar servizos públicos de calidade”. Advirte que suporá “deteriorar de maneira alarmante o ensino público” e alerta que, de levarse a cabo esta medida “porase en risco mesmo a escolarización”. Engade que “é inasumíbel” reducir o profesorado, porque de facelo “provocarase a expulsión de alumnado do sistema educativo público”.

Denuncia que o Partido Popular “é unha fábrica de facer parados, empeora os servizos públicos e, no canto de buscar fórmulas para saír da crise a está afondando aínda máis”. Por iso, anuncia que a CIG-Ensino non está disposta a admitir nin un ataque máis á educación pública que, afirma, “é unha ferramenta básica para o avance da sociedade”, que “non pode ser quen pague os atracos da banca”.

O secretario nacional de CIG-Ensino lembra que cos recortes de profesorado aplicados polo PP desde a súa chegada á Xunta de Galiza e cos que xa están sobre a mesa, “o ensino galego terá perdido, a comezo do vindeiro curso, preto de 3.000 mestres e mestras”.

 Sanidade de beneficencia

Pola súa banda, a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, lembra as consecuencias que xa están a ter, para a sanidade pública, os recortes orzamentarios e de persoal que se foron aplicando. Asegura que un novo recorte de persoal tería un efecto nefasto na atención á saúde das persoas usuarias do sistema sanitario público e que o convertería nun sistema de beneficencia, provocando que as persoas con máis recursos optaran pola sanidade privada.

Denuncia que Feijóo estará “presto a cumprir os desexos do seu "xefe", cando outros gobernos autonómicos están a declararse insubmisos e non van secundar as medidas impostas desde Madrid” e afirma que este goberno ten “0% de autonomía e 100% de submisión”.

Xunto a isto, salienta que nalgúns estados da Unión Europea, como Francia, empezan a decatarse de que as medidas a tomar para recuperar a economía son totalmente contrarias ás que se formulan aquí. “Porén”, afirma, “no Estado Español séguese indo cara o camiño oposto, afogar á poboación, pisar máis á clase traballadora, mentres outros/as se enriquecen á nosa costa”.

Sen administración para os administrados

María Carme López Santamariña, secretaria nacional de CIG-Administración, asegura que a federación responderá de forma contundente a calquera despedimento que se pretenda facer ao abeiro da reforma laboral, que permite aplicar EREs nas administracións públicas.

Denuncia que coa aplicación das medidas decretadas polo PP - taxa de reposición do 0%, amortizacións de postos de traballo, prohibición de cobertura de baixas, xubilacións.. -  xa se están padecendo situación moi graves e que esta empeoraría de se facer efectivos novos despedimentos.

Afirma que o deterioro estase a dar en tódolos servizos públicos que prestan as distintas administracións públicas en Galiza, na administración do estado, nos concellos e en xustiza, así como na empresa pública de Correos.

Subliña que en Galiza, o goberno de Feijoo, alén de facer “seguidismo” do ditado por Madrid, “empeorou as condicións de traballo do persoal da administración, así como os servizos públicos en xeral, coa imposición dun decreto de ámbito galego”. Decreto que, asegura “empeora a situación” e que a súa aplicación ten xa unhas consecuencias directas en tódolos servizos, nomeadamente no caso da consellaría de Traballo e Benestar onde o seu persoal está xa a padecer as consecuencias destes recortes, porque “ten que asumir quendas longuísimas con 7 e 9 días seguidos sen descanso” e que a atención aos usuarios e usuarias estase a resentir por mor da drástica redución de persoal, a consecuencia da desaparición de interinos e substitutos.

cig.prensa@galizacig.com