A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza contratou a empresa de limpeza Linorsa no edificio xudicial de Ourense para cubrir a praza dun posto de traballo catalogado na Relación de Postos de Traballo (RPT) da propia Consellería.
Segundo a central nacionalista, isto constitúe unha contratación irregular, “xa que unha empresa privada está a facer un traballo que lle corresponde ao persoal laboral da Xunta de Galiza, o que podería incluso chegar a ser unha contratación en fraude de lei ao substituír a persoal público por traballadores/as privados”.
Ao mesmo tempo, considera a decisión un completo fraude para os milleiros de persoas que se apuntaron nunha lista de substitución para traballar en contratos pequenos, “pagando unhas taxas de 16,98 euros e que agora se atopan con que non poden traballar polo capricho de un señor, o Xefe Territorial da Consellaría de Traballo, que non sabemos que escuros intereses pode ter para beneficiar a empresas privadas en lugar de cumprir a lei e contratar polos medios legalmente establecidos”.
Diante disto, reclaman que se anule de xeito inmediato o contrato con Linorsa para realizar a limpeza no edificio xudicial de Ourense e se proceda a contratar o persoal necesario a través das listas de contratación da Xunta de Galiza, reguladas ao amparo do Decreto 37/2006.