Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 4/7/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Os traballadores de Industrias Caamaño proseguen co calendario de folgas e concéntranse ás portas do Concello de Culleredo

O persoal denuncia a actitude antidialogante da empresa e volverá secundar un novo paros de catro horas o venres
Os traballadores de Industrias Caamaño continuaron este mércores co calendario de folgas de catro horas convocado para esta semana en demanda do cobro dos atrasos salariais e a readmisión dos compañeiros despedidos. Nesta ocasión tamén se concentraron, entre ás 09:30 e as 10:30 horas, diante do Concello de Culleredo para solicitar a intermediación da corporación municipal, co obxecto de acadar unha solución ao conflito.

O persoal busca este apoio, xa que, a pesar das mobilizacións e as xornadas de folga realizadas, o empresario continúa coa súa actitude antidialogante, negándose a manter ningún tipo de negociación coa parte social e ignorando a difícil situación económica na que ten deixado a boa parte dos seus operarios.

Cómpre lembrar que a débeda salarial xa ascende nestes momentos a unha media duns 6.000 euros por traballador, correspondentes ás nóminas de abril, maio e xuño, as pagas extraordinarias de nadal e verán e aos atrasos salariais dos anos 2010, 2011 e 2012.

A isto hai que engadir o despedimento de dous compañeiros nas dúas últimas semanas  (en clara represalia pola súa participación nas xornadas de folga), que se veñen sumar aos dous operarios despedidos con anterioridade por reclamar os seus dereitos laborais. Neste senso, os traballadores amosaron os seus temores ante a posibilidade de que se produzan novos despedimentos ao longo destes días, xa que sospeitan que o propietario de Industrias Caamaño está a contratar novo persoal para sacar adiante a carga de traballo.

Doutra banda, os delegados da CIG denunciaron a actitude da empresa que, dende que se iniciaron as mobilizacións o pasado mes, executou o pago de parte da débeda salarial a un grupo de traballadores, mentres que a outros –a maioría operarios que están secundando as folgas- non lles ingresou nin unha soa nómina.

Diante desta situación, os traballadores proseguirán adiante co calendario de mobilizacións e tomarán todas as medidas legais e administrativas que sexan necesarias para cobrar o que lexitimamente lles corresponde e conseguir a readmisión de todos os compañeiros despedidos, dous dos cales son delegados de persoal.

cig.prensa@galizacig.com