Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 4/9/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
: carga de traballo : : CIG-Metal : : dique : : Fene : : Ferrol : : naval : : Navantia : : PP :

O naval de Ferrol continúa a destruír emprego pola falta de carga de traballo e demanda unha decisión urxente sobre o dique

Os Comités de Navantia preparan un novo calendario de mobilizacións ante os incumprimentos dos gobernos galego e estatal co sector
Os representantes dos traballadores de Navantia e as auxiliares compareceron este martes en rolda de prensa para denunciar unha vez máis a continua destrución de postos de traballo no sector naval, reclamar a consecución de novos pedidos para os estaleiros e que se concrete a construción do novo dique flotante. Dende a Sección Sindical da CIG apóstase por seguir con mobilizacións semanais e advertiuse contra as previsíbeis promesas para o sector con motivo das próximas eleccións.

Mobilización dos/as delegados/as de Navantia e as auxiliares realizada o pasado 1 de agosto.

Marcelino Amado, responsábel da Sección Sindical da CIG en Navantia, lembrou durante a comparecencia para os medios –realizada a proposta da central nacionalista-  que aínda que en agosto as mobilizacións proseguiron con baixa intensidade, ante a falta de solucións á crise que vive o naval de Ferrol toca retomar as medidas de presión con máis forza, e especialmente tendo en conta que estamos en precampaña, “e hai que saír ao paso das promesas electorais”.

Neste senso, Amado denunciou que o Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, está a xogar cos anuncios de supostos contratos coa mexicana Pemex “como se fose un trileiro: primeiro dixo que se ían contratar remolcadores, logo un barco flotel e agora temos coñecemento de que os buques quimiqueiros se van construír en Corea”. Por iso, criticou que dende o goberno galego se estean a lanzar informacións interesadas “para engaiolarnos, cando en realidade non hai nada para o naval e menos aínda para o naval de Ferrol”.

Na mesma liña alertou da volatilidade dos anuncios feitos onte polo alcalde de Ferrol nos que asegura que ao longo deste mes se solucionará a cuestión da carga de traballo para os estaleiros da ría.

Así mesmo, o representante da CIG lamentou que en vez de procurar alternativas para a comarca e intentar garantir o futuro dun sector estratéxico como o naval, dende o goberno do PP se estean a boicotear as posibilidades de dinamización económica da zona. Así, lembrou o polémico caso da suspensión do concurso eólico do bipartito, que supuxo un grave prexuízo laboral para Ferrolterra por canto capou o desenvolvemento da actividade das empresas do sector na comarca e mesmo prexudicou a área de Navantia dedicada a turbinas, que era unha das que xeraba beneficios. Suspensión, por certo, que agora vén de anular o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.

Á espera da decisión sobre o dique flotante

En canto á decisión sobre a construción do novo dique flotante, Marcelino Amado sinalou que aínda está pendente de celebrarse a última reunión da comisión “política, técnica e sindical” organizada pola SEPI para avaliar a viabilidade da infraestrutura. Porén, advertiu que xa hai “moito opinador profesional enmarañando a situación”. Cómpre lembrar as continuas reticencias que a Sociedade Estatal ten amosado sobre a construción do dique e a negativa a dotalo de financiamento público –a pesar de que o propio Conselleiro de Industria defendeu no seu día diante dos representantes dos traballadores/as, cun informe encargado pola Xunta, a viabilidade técnica e económica da obra-.

Sobre esta cuestión, Pedro Domínguez, da Sección Sindical da CIG, matizou que na anterior reunión da comisión de seguimento, o Conselleiro Delegado de Navantia xa asegurou que dende a SEPI non se porán cartos para levantar o dique. Nesa reunión tamén se comunicou que o dique ten viabilidade económica, que os proxectos están practicamente rematados, pero que a única posibilidade de acometer a construción sería a través dunha empresa vehicular, encargada de buscar o financiamento e da súa construción, para logo cederlla a Navantia. Neste caso, a empresa pública tería que retornarlle uns 4 millóns de euros ao ano polo seu uso.

No marco dese encontro, a CIG manifestou que de ter que se realizar a través dunha empresa vehicular, esta tería que creala a SEPI. Tampouco dende a Xunta, representada polo Director Xeral de Industria, se comprometeu partida algunha para a infraestrutura.

Ningunha promesa cumprida

Do mesmo xeito, nos Orzamentos Xerais do Estado para este ano tampouco aparece consignada ningunha partida para a prometida Sexta Fragata e no referido á contratación militar internacional nestes momentos resulta imposíbel conseguir contratos inmediatos, xa que non hai concursos que se vaian resolver en breve.

“Para o PP a crise do naval parece un xogo: nin hai dique nin hai carga de traballo. E non imos dar credibilidade ningunha as promesas até que non vexamos documentos con datas concretas”. De feito, puntualizou Amado, dos compromisos adquiridos, o Goberno nin sequera cumprir aquel referido á constitución dunha comisión que se encargaría de levar a Bruxelas o levantamento do veto á construción naval civil nos estaleiros de Fene.

Á espera do acordado na reunión dos Comités Intercentros mañá en Madrid, dende a CIG deféndese a necesidade de continuar na liña de mobilizacións semanais, con especial atención aos actos previstos con motivo da precampaña e campaña electoral, en previsión de que haberá vellas, novas e renovadas promesas de salvación para o naval ferrolá.

cig.prensa@galizacig.com