Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 4/9/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

O persoal de Tranvías de Ferrol convoca dúas xornadas de folga para reclamar a paga extra e garantías de emprego

Haberá paros de dúas horas o 14 de setembro, mentres que o día 17 a folga prolongarase durante toda a xornada laboral
Representantes sindicais de CIG, CCOO e UGT, xunto aos tres delegados de persoal de Tranvías de Ferrol, anunciaron este martes en rolda de prensa o inicio de mobilizacións na empresa que se encarga do transporte urbano de Ferrol para reclamar o cobro da paga extraordinaria de verán e garantías de mantemento dos niveis de emprego.

O responsábel de Transportes da CIG, Xesús Pastoriza, explicou que a empresa acordou de xeito unilateral,e  achegar ningún tipo de xustificación, non abonar a paga extraordinaria de xullo. Ademais, nas conversas mantidas entre ambas partes, a empresa asegurou que se os traballadores/as querían cobrar a “extra” terían que renunciar a metade da paga de beneficios e rebaixar os salarios ao que cobraban en 2011 durante o que resta de ano.

“E isto, explica Pastoriza, con independencia de que a compañía xa nos adiantou que ao longo do mes de setembro van presentar un plan de empresa con novas medidas de recortes nas que se incluirá unha redución do cadro de persoal”.

Diante destas informacións e ante a falta de vontade da compañía para acadar unha solución, a asemblea xeral de traballadores/as celebrada o pasado venres, acordou iniciar medidas de presión. Así, o día 14 de setembro haberá paros de dúas horas entre as 11:00 e as 13:00 horas e de 17:00 a 19:00 horas; mentres que para o día 17 de setembro convocarán folga xeral.

Así mesmo, de non acadarse unha solución durante a primeira xornada de paros, a representación dos traballadores/as advertiu que se elaborará un novo calendario de mobilizacións para desenvolver nas vindeiras semanas. 

cig.prensa@galizacig.com