Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 5/1/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Carbón para o Concello da Coruña por deixar sen emprego aos traballadores/as da Torre e ignorar as súas demandas

O faro pechará a partir do 15 de xaneiro e o Goberno local segue sen garantir a subrogación do persoal
Os traballadores e traballadoras da Torre de Hércules levaron esta mañá o seu particular agasallo de reis aos membros do goberno municipal da Coruña: tres sacos de carbón, que remitiron ao alcalde, ao primeiro tenente de alcalde e á concelleira de Emprego e Turismo, en protesta pola decisión de pechar o faro e a ausencia de garantías sobre o seu futuro laboral.

Aínda que a intención dos traballadores/as pasaba por entregar persoalmente os sacos de carbón, finalmente tiveron que remitilos aos seus respectivos destinatarios a través do rexistro municipal. Previamente, foron recibidos ás portas do Pazo de María Pita polo primeiro Tenente de Alcalde, Julio Flores, quen culpou ao anterior equipo de goberno desta problemática e volveu reiterar que o executivo local está estudando co gabinete xurídico as cuestións relativas á nova contrata.

Non obstante, non informou de se o Concello respectará o dereito á subrogación do persoal, nin como se vai levar a cabo, a pesar de que esta é a única reivindicación do colectivo de traballadores/as. Neste senso, lembraron ao edil popular que nestes anos, e como ocorre no caso doutros servizos municipais externalizados, sempre se respectou a continuidade do persoal aínda que mudase a empresa adxudicataria.

Durante o encontro, o persoal reprochou a falta de consideración e sensibilidade do Goberno local, xa que informou antes do peche da Torre aos medios de comunicación que aos traballadores/as. Os traballadores/as tamén critican que Concello non teña despexado as dúbidas sobre o tempo que permanecerá pechada a Torre de Hércules, en que van consistir as obras proxectadas para a mesma, nin cando vai sacar a concurso público o novo prego de condicións.

Até o Pazo de María Pita tamén se volveu achegar a edil do BNG, María Xosé Bravo, para amosar o apoio e a solidariedade cos empregados/as.

Neste momento a única certeza que teñen é que a partir do 15 de xaneiro perderán o seu traballo, polo que xa adiantaron que continuarán na próxima semana co calendario de protestas.

cig.prensa@galizacig.com