A Plataforma lembra que a existencia da Área Sanitaria do Salnés implica a dotación de todos os servizos que isto conleva, desde a atención primaria até a xestión do Hospital do Salnés. Por iso denuncia que o decreto que vén de sacar a Xunta de Galiza, deixa sen contido e valeira o control de todo o referente á Área sanitaria, pasando a depender, como anos atrás, do Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP).
Este decreto, explican, implicará deixar de facer investimentos e de prestar servizos na comarca, dedicando todos os investimentos á construción do novo hospital de Pontevedra en Monte Carrasco, coa xestión privada do mesmo. “A Xunta, no que eles chaman ‘reorganización’ está a eliminar as ambulancias do 061 de transporte urxente, co que iso significa. Con esta política está a deteriorar todos os aspectos da sanidade pública”.
Deficiencias
Alén diso, salientan as deficiencias que ten o Hospital do Salnés, no que se terían que facer investimentos en cardioloxía, ampliación de urxencias, especialidades, quirófanos e máis camas, entre outras.
Por iso demandan unha área e xestión propias, que significa que se ten en conta a dimensión das deficiencias de atención primaria nos concellos da área sanitaria (Vilagarcía de Arousa, Cambados, Catoira, A Illa de Arousa, Vilanova de Arousa e Ribadumia): pediatría, máis médicos ou máis centros de saúde en Vilagarcía de Arousa...
A plataforma entende que a aplicación do decreto supón o abandono do Hospital, por iso exixen a súa retirada e derrogación, que se efectivicen os investimentos comprometidos desde hai anos, para paliar as deficiencias actuais e as ampliacións futuras e unha atención primaria con instalacións e servizos de calidade.