Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 5/10/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG na Axencia Tributaria denuncia a rebaixa das contías destinas a Acción Social

Asegura que, mentres, se manteñen as partidas dos complementos dos altos cargos
A Confederación Intersindical Galega na Axencia Estatal de Administración Tributaria  (CIG-AEAT ) quere denunciar, diante da opinión pública, a política de recortes da Administración en materia de axudas socias ao propio persoal da AEAT mentres mantén partidas orzamentarias que na súa maior parte van destinadas a complementar as retribucións, xa de por si xenerosas, dos altos cargos.

Dentro da AEAT a partida económica de Acción Social estaba destinada a axudar ao persoal naqueles gastos necesarios en servizos que non se podían recibir de outras Administracións. Eran fundamentalmente pequenas axudas para gastos de estudos, saúde, vivenda, etc.  As axudas concedíanse de maneira inversamente proporcional aos salarios, é dicir, dedicábanse ao persoal cos soldos máis baixos da AEAT.

Esta partida contaba no 2010 cun orzamento de 10 millóns de euros  que se rebaixou a 7 millóns no 2011 e a 3,5 millóns no 2012. Na proposta orzamentaria do Goberno do PP para 2013 esta partida queda reducida a 1,7 millóns de euros, o cal supón a práctica desaparición das axudas de Acción Social para o persoal,  xa que moitos dos/as que antes podían acceder a elas agora xa non poderán facelo e os poucos/as que accedan recibirán cantidades ridículas.

Pola contra, a partida orzamentaria de produtividade, destinada a premiar o especial rendemento no traballo e o cumprimento de obxectivos, que na súa maior parte favorece aos altos cargos e ao persoal con nóminas máis altas, mantense intacta. Esta partida de produtividade acada, para o ano 2013,  a cifra de 79 millóns de euros e non sofre ningunha rebaixa desde 2010. No ano 2011 e no ámbito da Delegación Especial de Galiza houbo persoal de libre designación que cobrou ata 30.000 € anuais só no concepto de produtividade, sendo habituais no subgrupo A1 cifras de 12, 18 ou 20.000 euros, cantidades que a CIG xa denunciou no seu tempo como verdadeiramente escandalosas.

Estamos diante dunha nova mostra do que significa a austeridade para o Goberno do Partido Popular: recortes nas capas sociais e nos salarios máis baixos e mantemento ou aumento do poder adquisitivo dos que teñen os ingresos máis altos. Desde a CIG-AEAT seguiremos a defender que os cartos da produtividade pasen a engrosar as retribucións fixas e que mentres non se logre isto, se faga un reparto da produtividade universal, xusto e equitativo e loitaremos por ter uns Plans de Acción Social suficientemente dotados economicamente.

cig.prensa@galizacig.com