Estes traballadores teñen como punto de encontro a Praza do Rei a partir das nove da mañá, para desde aqui comezar unha marcha que leve aos traballadores do Metal en folga a solidarizarse ás portas dos Xulgados sobre as dez da mañá.
Asi, desde unha folla informativa repartida nas empresas, a CIG subliña que "o dia 6 é unha xornada de folga idéntica a todas as demais folgas. A sociedade, todo o pobo de Vigo, debe vernos camiñar polas rúas da cidade na multitude que representamos para coñecer o noso problema, para saber porque loitamos ese día. Teñen que saber mentres camiñamos todas e todos xuntos, desde o noso traballo até o edificio dos Xulgados, que loitamos ese día contra a Inxustiza que pretende meter en prisión a catro traballadores do sector".
"Temos a responsabilidade de gañar a súa liberdade"
Lembran nesta folla que "estes catro traballadores non son delincuentes, aínda que se lles pida penas idénticas ás de calquera atracador. Son traballadores do sector, son a nosa xente, forman parte de nós e debemos protexelos. Temos a responsabilidade de gañar a súa liberdade, porque estas Institucións xa os condenaron de antemán, e queren dar un castigo a todo o sector a través destes catro compañeiros".
A CIG-Metal incide en que "o día 6 é unha xornada normal de Folga, non é media xornada de Folga. Como sempre desde a primeira hora debemos estar nos nosos postos de traballo para logo concentrarnos noutro lugar e camiñar até os Xulgados, para que nos vexan todos e saiban que non deixamos abandonados aos nosos compañeiros".
"Unha loita pola nosa dignidade"
A central sindical nacionalista ten convocada folga en todo o sector do metal, "porque esta é unha loita pola nosa dignidade, e esta debemos mostrala con toda a nosa forza".