O centro de traballo que Gadis abriu en Meixonfrío, en Santiago de Compostela, caracterízase, desde a súa apertura hai menos de dous anos, polo seu elevado número de despedimentos. Os traballadores/as aseguran que esta situación non é casual, senón froito do ambiente opresivo no que desenvolven a súa actividade. Sinalan que “o autoritarismo á hora de dirixirse ás traballadoras e traballadores é algo común e os insultos e ameazas” son algunhas das actitudes “inaceptábeis” que se empregan neste centro de traballo.
Liberdade sindical
Engaden que cando alguén ousa queixarse é despedido, por iso ou por non caerlle ben á encargada, e afirman que a liberdade sindical non existe “e cando alguén é sospeitoso de falar coa CIG é automaticamente ameazado co despedimento”. Para eles, “non é de recibo que no se nos someta a estas presións e que se nos impoña un clima de traballo como se estiveramos nun cuartel”, máis cando traballan a cambio de baixos salarios e prestan un servizo que lle reporta grandes beneficios á empresa.
O máis preocupante é que esta situación xa foi advertida á empresa en varias ocasións pero continúan os despedimentos e os malos modos. Por iso, advirten que continuarán con mobilizacións mentres nos se respecte a súa dignidade no traballo.
En todo caso, no decurso da concentración foron recibidos polo xefe de persoal, que casualmente se atopaba no centro de traballo. Tras expor a situación que padecen, o representante da empresa, Román Roo, comprometeuse a facer chegar as súas demandas á dirección de Gadis para que se poña fin a este acoso. Roo acordou, ademais, transmitir aos delegados/as de persoal os resultados deses contactos. Entre mentres, as traballadoras e traballadores, permanecerán á espera.