O preacordo chegaba pouco despois das dúas da tarde, tras da segunda reunión mantida no día de hoxe entre a representación dos traballadores, sindicatos, a empresa e o Concello e logo de que as partes acordasen a readmisión da traballadora despedida en idénticas condicións que tiña antes do despedimento. Para executar este punto, está previsto que se realice una conciliación a próxima semana no xulgado do social, a partir da cal se fará efectiva a reincorporación.
Ademais, Ecourense tamén retirará a demanda interposta contra o laudo arbitral referido ás eleccións sindicais, polo que Adelina Basteiro será a cabeza de lista da candidatura da CIG nas próximas eleccións.
Valoración “tremendamente positiva”
Pouco despois a asemblea de traballadores/as ratificaba o acordo, ficando desconvocada unha folga que nos seis días que durou foi secundada polo 100% do persoal fixo e provocou a acumulación de máis de 600 toneladas de lixo nas rúas de Ourense. Minutos despois de suspenderse a folga, os traballadores e traballadoras de Ecourense volvían á súa actividade.
Etelvino Blanco, Secretario Comarcal da CIG de Ourense, realizaba una valoración “tremendamente positiva” do acordo, xa que esta folga “é un exemplo da valentía dos traballadores e traballadoras, unha loita solidaria na defensa da dignididade da clase traballadora e das liberdades sindicais. A CIG, como sindicato que abandeirou esta reivindicación, está moi satisfeita co resultado”. Blanco quixo agradecer o esforzo e a unidade amosada polo conxunto do persoal, que coa súa teimosía conseguiu “dobregar os intereses de grandes empresas como Copasa ou FCC” (dúas das compañías que integran a UTE Eucorense).
O Secretario Comarcal mesmo asegurou que “estamos ante un fito que marcará un dos grandes éxitos sindicais na provincia de Ourense”. O vindeiro luns, os traballadores e traballadoras manterán unha xuntanza para avaliar polo miúdo toda esta situación.