Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 5/11/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Unha gran manifestación comarcal percorrerá Ferrol o 6 de novembro en defensa do emprego e do naval

A marcha sairá ás 12:00 dende o Inferniño e concluirá na Praza de Armas, onde se dará lectura a un manifesto conxunto
As organizacións sindicais CIG, CCOO, UGT e USTG teñen convocada unha gran manifestación comarcal o vindeiro domingo, 6 de novembro, en defensa do emprego e do sector naval da Ría de Ferrol. A marcha sairá ás 12:00 dende o Inferniño e concluirá na Praza de Armas, onde se dará lectura ao manifesto conxunto. A manifestación, que se desenvolve baixo o lema “Polo emprego e o futuro das comarcas. O naval é fundamental. Carga de traballo xa”!, vén precedida polas múltiples mobilizacións que os traballadores/as de Navantia e as industrias auxiliares estiveron realizando dende o pasado 28 de setembro en demanda de carga de traballo e da construción do dique flotante.

Os voceiros da CIG de Ferrol, Manel Grandal e Xesús A. López Pintos, lanzaron unha chamada a toda a cidadanía da contorna, para que participe na mobilización, á que tamén se sumaron o colectivo de mariscadores e mariscadoras da ría, xa que o naval é un sector primordial para a comarca.

Sen esquecer a importancia dos restantes sectores produtivos, que tamén terán cabida nesta manifestación, cómpre subliñar que da actividade de Navantia dependen arredor de 17.000 empregos, cifra que acada unha especial relevancia dados os elevados niveis de paro que rexistra a comarca e a ausencia de alternativas económicas. Os voceiros da CIG de Ferrol volveron reiterar que se hai un sector que amortece a caída do emprego este é sen dúbida o naval.

Alén da manifestación convocada polos catro sindicatos, no ultimo mes os traballadores e traballadoras de Navantia e da industria auxiliar viñeron desenvolvendo un calendario de mobilizacións en demanda de carga de traballo para o sector e para esixir a construción do dique flotante.

Nesta ocasión, as reivindicacións estarán moi centradas na petición de construción do dique flotante, unha infraestrutura “vital” que permitiría paliar o problema inmediato da falta de actividade e incrementaría a capacidade das instalacións da ría de Ferrol, permitíndolle facer fronte aos cambios que se están operando no sector de reparacións e carenas.

Neste senso, dende a CIG de Ferrol lembran que esta unha das áreas con maior proxección de Navantia, polo que as súa ampliación resulta imprescindíbel para estar no mercado de reparación de buques ao máximo nivel de competitividade. Sobre esta cuestión, Grandal criticou a falta de actuacións concretas por parte das administracións para pór en marcha esta plataforma, a pesar de que no propio Parlamento galego se aprobou, co apoio de todas as forzas políticas, unha proposta para demandar da Xunta e do Goberno español accións conxuntas de cara a conseguir este obxectivo.

Cómpre lembrar que a representación do persoal mantivo encontros cos alcaldes de Fene e Ferrol, o Conselleiro de Industria e o Delegado do Goberno ao longo destas últimas semanas nos que todos os responsábeis políticos recoñeceron a importancia de construír o dique e a súa viabilidade técnica e económica. Non obstante, dende a representación do persoal demándase da Xunta e do Goberno español deixar de lado os anuncios electoralistas e concretar de xeito oficial as partidas necesarias para garantir o financiamento das obras.

cig.prensa@galizacig.com