A asociación en defensa da lingua leva máis de vinte e dous anos defendendo a convivencia, a cultura e a lexislación, coas únicas armas da sensibilización e da presión democrática e o traballo dos seus case 3.500 socios e socias, sempre co obxectivo de evitar a exclusión do galego e a discriminación dos seus usuarios e usuarias. Non é esta a primeira vez que Méndez Romeu insulta á Mesa nin que ataca o cumprimento da lexislación lingüística, sendo moi coñecida a súa actitude prepotente e intolerante, así como os seus excesos verbais ao respecto.
A Mesa reta a Méndez Romeu a que denuncie a asociación: “Se na realidade considera que A Mesa vulnera o ordenamento xurídico, por que non nos denuncia, tal e como sería a súa obriga? Non o fai porque a súa única intención é difamar”.
“Non deixa de ser curioso que tanto desde a Presidencia da Xunta como da Consellaría de Presidencia nos respondesen en numerosas ocasións aos expedientes de queixa tramitados pola Mesa, se na realidade os consideraren fóra da lei.” Porén, non son só estes departamentos do Goberno galego os que están a atender os expedientes da Mesa. Ao longo deste ano, o Valedor do Pobo e o Defensor del Pueblo, igual que diferentes administracións locais, galegas e estatais responderon ás cartas enviadas pola Mesa sen lle veren ningún tipo de problema xurídico. Ao contrario, mesmo o Ministerio de Administracións Públicas as agradeceu e as colocou na orde do día dun dos seus órganos interministeriais. Moitas destas misivas serviron para dar novos pasos na normalización da lingua galega e para corrixiren inxustizas cometidas contra cidadáns e cidadás que queren exercer con normalidade o seu dereito a se expresaren e a viviren en galego.
Mentres Méndez Romeu tenta facer calar unha das principais voces en defensa do galego apelando a unha irónica volta ao “consenso lingüístico”, a súa Consellaría continúa a ser a que máis vulnera a Lei de normalización lingüística que o Parlamento de Galiza aprobou por unanimidade. Por iso, desde a dirección da Mesa valórase que “é surrealista que o conselleiro que máis incumpre a lexislación lingüística alente ás empresas que tamén vulneren a lexislación lingüística a que denuncien a quen lles reclama que se cumpra a lei.”
A Mesa nunca enviou cartas ameazantes a comerciantes por non usaren o galego. Por iso sorprende que no Parlamento de Galiza se debata se constitúen ou non delito estas inexistentes misivas, das cales non pode haber ningún tipo de proba porque nunca chegaron a producirse. O que si fai A Mesa é tramitar expedientes de queixa por vulneración de dereitos lingüísticos, por exemplo por empresas que acosan aos seus traballadores que falan galego ou empresas (como a Imprenta Porvén da Coruña) que cobraban un sobreprezo á súa clientela se querían usar o galego, etc. A Mesa manterá o seu servizo de tramitación de queixas, que continúa a estar dispoñíbel para toda a poboación no teléfono 902 10 64 76 e no correo-e linhadogalego@amesanl.org
De existiren cartas co logo da Mesa en que se ameaza ou se tenta coaccionar a calquera institución ou empresa por non usaren o galego ou por calquera outro motivo, a asociación en defensa da lingua anima publicamente aos receptores “a denunciáreno ante os xulgados, xa que se trata dunha falsificación”. Así mesmo, se tales misivas existiren, A Mesa personarase tamén por usurpación da súa imaxe.
A Mesa, igual que calquera outra organización, envía xa desde a súa creación cartas a diferentes persoas físicas ou xurídicas en relación cos obxectivos desta asociación, facendo uso do dereito de expresión recollido na Constitución española. Desde finais de 2007, grazas a un convenio co Goberno galego, sendo conselleiro de Presidencia José Luis Méndez Romeu, A Mesa pasou a sistematizar este traballo de tramitación de queixas, consultas e parabéns, creando para iso a Liña do Galego, un servizo que funciona sempre baixo demanda da cidadanía.
A utilización da palabra “expediente”, que A Mesa vai seguir a empregar, non se refire a ningún tipo de sanción; de feito, tamén se sinalan como tales as consultas e as felicitacións. Un “expediente”, segundo ben consta nos dicionarios, é o conxunto de trámites levados a cabo nun despacho sobre un asunto e conxunto de documentos que se van producindo neses trámites.
En todas as comunicacións de expedientes da Liña do Galego a identificación é inequívoca e en ningún momento se suplanta á Administración: van identificadas co logotipo, o enderezo, a páxina web e o correo electrónico da Mesa, e asinadas polo seu presidente.
Esta forma de sistematizar o traballo é común a outras plataformas cívicas, non só no eido lingüístico, senón tamén noutros ámbitos sociais. No caso da Mesa, está directamente inspirado no traballo de Behatokia, o Observatorio de Dereitos Lingüísticos do éuscaro, que o leva empregando durante os últimos anos sen que iso espertase as críticas interesadas que se están a producir en Galiza. De feito, os informes anuais de Behatokia son enviados e valorados por distintas institucións e organismos internacionais, como o Consello de Europa.
Precisamente a comezos de 2009 será publicado o primeiro dos relatorios da Liña do Galego, con toda a información compilada de queixas, consultas e parabéns, a través da información achegada pola cidadanía, indicando todos os expedientes tramitados e a situación dos mesmos. Este informe será enviado a diferentes institucións e organizacións galegas, estatais e internacionais, como o Consello de Europa ou a Axencia Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias (EBLUL), promovida polo Parlamento Europeo e da que A Mesa fai parte, ostentando a presidencia do Comité do Estado español.