No acto de apertura, varios membros do Foro explicaron os obxectivos deste evento e o longo camiño percorrido desde que comezou axestarse a idea de organizalo até a súa materialización, tras case un ano de debate e de traballo constante das diversas organizacións sociais implicadas.
Durante o acto tamén se leron as saúdas das distintas persoas e organizacións que quixeron transmitir o seu apoio ao FSGal, entre as que atopaban Boaventura de Sousa Santos, Chico Witaker, Frei Betto, Ignacio Ramonet, Eduardo Galeano, Bernad Cassen, Susan George, Ricardo Díez Holchleitner, Leonardo Boff e Federico Mayor Zaragoza. A única intervención prevista na inauguración do Foro Social foi a de Paul Nicholson, coordinador en Europa do movemento Vía Campesina, que animou aos presentes para que “goblicemos a loita, globalicemos a esperanza”.
Como se lembrou nesta primeira xornada, o obxectivo do FSGal é acadar a confluencia e a visualización de alternativas á globalización neoliberal e situar a Galiza dentro da construción dese outro mundo,non só posíbel senón necesario, a través dun proceso permanente de debate e de construción de alternativas ao modelo neoliberal.
Neste acto a CIG estivo representada pola Secretaria Confederal de Muller e Servizos Sociais, María Carme López Santamariña e o responsábel do Departamento de Internacional, Ramón Boán.
López Santamariña explicou que a CIG acordou participar promovendo debates e comunicacións porque comparte os valores fundamentais que moven ao Foro e ás organizacións e movementos sociais adheridos a este. E sobre todo porque, como organización sindical nacionalista, loita pola transformación do actual modelo socioeconómico, por unha sociedade máis xusta e máis humana, sen explotación económica, nin opresión política e pola superación do sistema capitalista e a construción do socialismo. Unha loita en e desde Galiza que tamén está vencellada á loita común dos traballadores e traballadoras do mundo pola súa completa emancipación e a dos pobos pola súa liberación nacional. Principios polos que pula o FSGal.
Pola súa banda, o director da Fundación Galiza Sempre, Xabier Macías, destacou a importancia de celebrar no noso País un encontro destas características xa que “sirve para pór a Galiza no mundo”.
Debates e programación paralela
Durante toda a fin de semana desenvolveranse os debates no Auditorio de Galiza e na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago. Estas actividades, encadradas en catro eixos temáticos, foron propostas polos diferentes movementos sociais e serán autoorganizadas e autoxestionadas por eles. Xirarán arredor do modelo económico e os límites do crecemento; vida e traballo; soberanía e diversidade fronte a uniformización e imperialismo edefensa das liberdades e dereitos sociais.
Xuntoa isto, o FSGal contará tamén con tres espazos paralelos e unha programación cultural. Así haberá un espazo de proxeccións audiovisuais (Salón de Graos de Filoloxía, con programación continua); un espazo de comunicación (aulas 5 e 6 da facultade de Filoloxía), dedicado á presentación de libros, campañas, iniciativas, manifestos, roldas de prensa... e a Carpa de Movementos Sociais (Patio do Burgo das Nacións).