907 delegados e delegadas titulares e 300 suplentes – sen dereito a voto - participaron no X Congreso do PIT-CNT celebrado nun polideportivo de Montevideo.
O momento político
As eleccións presidenciais e lexislativas do ano 2004 deron a vitoria, pola primeira vez na historia do Uruguai, ao candidato da esquerda política e social agrupada unitariamente no FA-Frente Amplio. O PIT-CNT colaborou decisivamente a este trunfo que, entre outras mudanzas, posibilitou a creba da política de desregulamentación laboral, antisindicalismo e perda de dereitos sociais practicada de xeito continuado durante as últimas catro décadas.
O trunfo do Frente Amplio e a reorientación política tiveron un efecto positivo inmediato no movemento sindical e na clase traballadora. Forte impulso á negociación colectiva, notábel recuperación salarial, revitalización de sindicatos e creación de outros novos, espectacular incremento da afiliación (120.000 no 2004, 260.000 hai dous anos, 310.000 na actualidade)... son algunhas das manifestacións externas da revitalización do movemento sindical en Uruguai.
O goberno de Tabaré Vazquez espertou inmensas expectativas de cambio nunha sociedade que tiña na súas costas 175 anos continuados, ditaduras militares incluídas, de gobernos de dereita e ultradereita. No último trimestre do 2009 haberá novas eleccións e o Frente Amplio aspira a repetir vitoria. As enquisas máis recentes danlle a maior porcentaxe de voto (47%), pero podería ser insuficiente se non obtén a maioría absoluta na primeira votación, pois habería que ir a unha segunda volta con toda a dereita unificada. O próximo 13 de decembro un congreso deberá elixir, entre varios candidatos xa postulados, o que vai ser o seu cartel electoral para Presidente e Vicepresidente. De non haber consenso, unhas primarias a celebrar no mes de xuño decidirán a dupla candidatura, escenario este que non desexado por case ninguén polo que supón de desgaste e liortas internas ata catro meses antes das eleccións.
O documento central
De maneira inevitábel, esta situación política estivo presente ao longo de todo o congreso. As teses congresuais, e moi especialmente o documento central “Balance e Perspectivas” analizaron polo miúdo a política do Goberno e a repercusión na sociedade e na vida dos traballadores. O texto presentado polo Secretariado Executivo consideraba que o balance global debería ser avaliado positivamente e concluía na necesidade de seguir apostando por un novo goberno progresista que contase co apoio da esquerda social e política uruguaia para profundar nos cambios habidos, impulsar unha mellor distribución da riqueza e avanzar no exercicio dos dereitos democráticos.
Nalgún dos parágrafos do texto pode lerse que para que as organizacións obreiras e populares continúen o proceso de acumulación de forzas “na nova fase que se abriu o 1º de marzo de 2005, a tarefa central é a disputa pola construción dunha nova hexemonía que desprace do poder aos sectores que historicamente o detentaron”. En referencia ao próximo proceso electoral dise que “ movemento sindical non debe ser indiferente ao proceso electoral e aos seus resultados. A independencia de clase obriga a asumir con claridade que alternativas electorais son máis favorábeis ao avance do pobo en función dos seus intereses”.
E noutro parágrafo: “Tras 174 anos de goberno dos representantes dos sectores dominantes no país, a cada máis estreitamente ligados ao imperialismo, accedeu ao goberno unha forza política cun programa cualitativamente diferente. O Frente Amplio é unha forza política con integración plural, pero que desde a súa fundación e historia vinculouse coas reivindicacións e as loitas dos traballadores e do Pobo. Unha forza vinculada á loita polos dereitos humanos, individuais e colectivos, pola democracia e contra o fascismo, e o seu programa reflicte, en numerosos aspectos, a elaboración e a reivindicación do movemento popular”
Un texto alternativo, apoiado pola TCC-Tendencia Clasista e Combativa, defendía que a independencia de clase do PIT-CNT esixía romper frontalmente co FA. Segundo este documento, o obxectivo central do sector maioritario do PIT-CNT no momento histórico actual “é pechar o paso ao retorno da dereita, entendendo isto soamente como o retorno dos partidos tradicionais”. Para a TCC non hai posibilidade de colaborar “cun goberno que defende unha política de dereitas e antipopular, gobernando para os capitalistas”.
Unha maioría esmagadora dos congresistas optou polo texto presentado polo Secretariado Executivo, que finalmente acadou o 85% dos votos emitidos.
Os organismos de dirección
O PIT-CNT ten unha estrutura moi partidarizada, froito das condicións históricas nas que se produciu a unificación do movemento sindical uruguaio o 1º de outubro de 1966. Por aquel entón, libertarios e comunistas dominaban o mapa sindical e as grandes doses de renuncia que cada grupo fixo para lograr a unidade na CNT acompañáronse de numerosas cláusulas de garantía recollidas nos estatutos fundacionais que o PIT-CNT incorporou como propias cando da súa en outubro de 1984.
Entre estas cláusulas hai varias referidas aos organismos de dirección, para os que se sinala de modo explícito que deben estar conformados tendo en conta as persoas, os sindicatos e as correntes ideolóxicas.
Na actualidade, o PIT-CNT conta con seis correntes organizadas que, en liñas xerais, responden aos aliñamentos político-partidarios actuantes no FA.:
Dous son os organismos de dirección do PIT-CNT: a Mesa Representativa, formada por sindicatos e o Secretariado Executivo.
Á Mesa Representativa correspóndelle a dirección política entre congresos, sendo o órgano que aproba a convocatoria de folgas intersectoriais. Así mesmo decide a composición do Secretariado Executivo; o número dos seus integrantes é acordado en cada proceso congresual, dependendo dos consensos e apoios necesarios para acadalos.
Nos próximos dous anos (os congresos do PIT-CNT son bianuais) a Mesa Representativa contará con 37 membros titulares, 7 alternos e 3 suplentes. É dicir, un total de 48 sindicatos, que representan a máis do 95% da afiliación sindical nun triplo encaixe que atenda ás imposicións estatutarias.
Tamén o Secretariado Executivo, consensuado despois de conseguir acordo para a Mesa Representativa, cambia a respecto do anterior pois inclúe un representante da TCC. Articulación conserva os 5 membros que xa tiña, ao igual que o PCU (4), o MPP (2) e o PS (2); o PVP terá dous membros, aínda que un deles sen dereito a voto, e incorpórase a TCC con un membro.
As responsabilidades son decididas polo propio Secretariado sendo previsíbel a existencia de dous Coordinadores (un de Articulación e outro do PCU), mais aínda non está completamente desbotada a posíbel elección de Presidente, Presidente Adxunto, Secretario Xeral e Secretario Xeral Adxunto que substituirían aos actuais coordinadores.
O período precongresual estivo rodeado de moita tensión dialéctica, iniciándose o congreso neste ambiente de tensión. Intensas e continuas negociacións entre as cinco correntes maioritarias lograron, xa co congreso iniciado, un amplo consenso arredor do documento de “Balance e Perspectivas” que finalmente resultou amplamente aprobado. Este consenso facilitou tamén o acordo par aos organismos de dirección. En termos estritamente sindicais, o acordo acadado reforza a liña moderada, representada por Articulación fronte ás posicións máis de esquerda que o PCU defendía, As principais discrepancias (composición dos órganos de dirección, elección de Presidente, formación sindical, crítica ao modelo económico do Goberno Tabaré...) resolvéronse na liña defendida por Articulación.
Nun plano máis político, as coincidencias e consensos acadados entre as correntes do PCU e do MPP, maioritarias en número de congresistas no próximo congreso do Frente Amplio, poden facilitar a escolla de candidato presidencial na persoa de José Múgica, histórico do MLN e actual dirixente máximo do MPP, en detrimento dos varios precandidatos propostos por Tabaré ou polo Partido Socialista
Seminario internacional
No primeiro día do Congreso, as delegacións internacionais convidadas e unha ampla representación do Secretariado Executivo participaron nun Seminario Internacional dedicado a analizar a crise económica actual e o papel a desempeñar polos sindicatos. As conclusións foron recollidas nun documento final – denominado Declaración de Montevideo -, posteriormente refrendado tamén polos congresistas e incorporado aos documentos congresuais.
Declaración de Montevideo
As centrais sindicais nacionais, rexionais e mundiais reunidas en Montevideo (Uruguai) na data de hoxe no marco do Xº Congreso do PIT-CNT “Compañeiros José D’Elía e Hugo Cores”, inmersas na conxuntura mundial actual caracterizada por unha grave crise financeira internacional declaran:
1. Que o movemento sindical orientará todos os seus esforzos a que os efectos desta nova crise económica-financeira a escala mundial non teña como destinatarios aos traballadores e traballadoras, nin á infancia nin aos Pobos.
2. Que realizaremos os máximos esforzos para que no medio da crise xurdan opcións para unha mellor calidade de vida e a plena vixencia dos dereitos humanos, para o que é imprescindíbel a PAZ no mundo e unha mellor distribución da riqueza.
3. Que temos a plena convicción de que non existen saídas isoladas. Traballaremos para que os Pobos do mundo se unan para enfrontar xuntos a situación actual, potenciando solucións que nos teñan en conta a todos por igual.
4. Que loitaremos para que se defendan os postos de traballo, os salarios e os dereitos laborais. Este blindaxe social debe ser o a prioridade dos nosos gobernos e o eixo da nosa actividade.
5. Que reclamaremos aos Estados para que asuman o seu papel condutor e non se limiten unicamente á salvataxe do capital financeiro e especulativo, tendo que desenvolver investimentos nas áreas produtivas e sociais (servizos públicos, xubilacións, saúde, ensino...)
6. Que defendemos a necesidade permanente de profundar aínda máis na unidade de todos os traballadores e traballadoras do mundo en defensa dos seus dereitos, especialmente na actual conxuntura, avanzando cara sociedades libres, democráticas, máis xustas, máis solidarias e con maior solidariedade e fraternidade.
Montevideo, 27 de novembro de 2008
Asinantes: