Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 5/2/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG solicita ao Ministerio de Fomento que poña os medios de Salvamento Marítimo a disposición da loita contra o narcotráfico

O Centro Zonal de Porto do Son dispón da tecnoloxía máis moderna para o control de tráfico marítimo
A CIG vén de presentar ante a Dirección Adxunta de Vixilancia Aduaneira un escrito solicitando  que se inicien os trámites pertinentes para acadar un convenio de colaboración entre o Ministerio de Fomento e Axencia Tributaria, coa fin de que os medios dos que dispón o Centro Zonal de Coordinación de Salvamento en Porto do Son poidan participar tamén na loita contra o narcotráfico nas costas galegas.

A raíz das ultimas informacións aparecidas na prensa , sobre a entrada de drogas polas costas galegas e a necesidade de incrementar os medios de loita contra o narcotráfico nas que se facía referencia ao Sistema Integrado de Vixilancia Exterior (SIVE),  que actualmente vixía as costas Andaluzas e Canarias para control da inmigración e do tráfico de estupefacientes, a sección sindical da CIG na Axencia Tributaria remitiu un escrito ao Ministerio de Fomento para a busca dun convenio de colaboración entre o servizo de Salvamento Marítimo e o Servizo de Vixilancia Aduaneira (SVA).

No escrito solicítase que os medios que o citado Ministerio ten  no Centro Zonal de Coordinación de Salvamento no monte ENXA en Porto do Son  (A Coruña) poidan servir tamén para impedir a entrada de embarcacións con drogas para alixar nas nosas costas. Desde este centro cóbrese toda a costa galega, de Silleiro a Estaca de Bares.

Ditos medios, de alta tecnoloxía e sofisticación, dos máis modernos do mundo en control de tráfico marítimo, son análogos ao SIVE , posto que con eles poderíase detectar a larga distancia embarcacións que se aproximan ás nosas costas, identificar o tipo de embarcacións e tripulantes co fin de comprobar a posible actuación ilegal dos mesmos, e coordinar o seguimento da embarcación, utilizando para isto os medios marítimos, terrestres e aéreos que dispón o SVA en Galicia, “co que teriamos un maior control da nosa costa, e polo tanto estariamos en mellores condicións na loita conta o Narcotráfico”, sinala Antón Lestón, delegado da CIG na Axencia Tributaria.

Máis coordinación 

“Os funcionarios do SVA poderían cumprir perfectamente con este traballo, e ao mesmo tempo, e dado que as embarcacións e medios aéreos do SVA normalmente fan a súa labor en horas nocturnas, contaríase con mais coordinación e medios en caso de accidentes marítimos, e sempre sen interferir no especial e importante traballo de Salvamento Marítimo”, apunta Lestón.

É importante resaltar que xa existen convenios firmados entre o Ministerio de Fomento e Axencia Tributaria (SVA) na colaboración de salvamento e busca de náufragos. Tamén é importante nestas épocas de crises recalcar que esta operación tería para o Estado un custo de cero euros.

cig.prensa@galizacig.com