Na asemblea celebrada en A Coruña, na que non participou UGT xa que esta central tiña convocada unha asemblea paralela só para os seus afiliados/as, a CIG amosou o seu total apoio á loita dos traballadores/as e desmentiu as informacións aparecidas en La Voz de Galicia nas que se aseguraba que as organizacións sindicais tiñan a intención de desconvocar a folga.
Xosé Lois Freire Martín, Secretario de Organización da CIG-Servizos, desmentiu diante da asemblea tales noticias e informou que pola mañá o Secretario nacional da Federación xa se puxera en contacto con ese periódico para esixir unha rectificación. Pouco despois o xornal eliminaba a información da versión dixital.
Dita noticia xerou durante toda a xornada inquietude entre os traballadores/as que acordaron autoconvocar unha asemblea á que non ían asistir os representantes sindicais. Na xuntanza o conxunto do persoal acordou tirar para adiante coa folga e demandar unidade sindical. Na asemblea posterior a CIG daba conta do apoio á decisión de manter a convocatoria de folga e recalcaba a súa participación en todas aquelas mobilizacións que se acordasen realizar.
Case ao remate da asemblea de A Coruña, recibíase unha chamada da CIG de Lugo na que se informaba que a asemblea desta provincia acordara secundar a decisión adoptada en A Coruña. A folga continúa, e sigue adiante cunha unidade de acción renovada e con novos ánimos entre o persoal que xa estuda as mobilizacións a levar adiante durante esta fin de semana.
Competicións de fúlbol e espada
Durante os vindeiros días, as accións de protesta seguirán adiante. O sábado, ás nove da mañá, os traballadores/as irán até ás portas das instalacións da Sagrada Familia, onde terá lugar o campionato de esgrima, para desenvolver á súa propia competición paralela, armados con espadas de xoguete.
Na xornada do domingo, ás nove da mañá repetirán o escenario da potresta do sábado, aínda que ás sete da tarde irán até o Campo da Leima para xogar o partido de fúltbol "Explotados contra explotadores", no que os "explotados", por unha vez, tentarán darlle unha boa tunda aos "explotadores".
Xa na xornada dos luns haberá unha concentración diante do Concello de A Coruña, coincidindo coa celebración dun pleno municipal.
Encerro na delegación da Xunta
Pola mañá, as traballadoras e traballadores en folga continuaban coas mobilizacións. Nesta ocasión, o persoal de A Coruña volveu levar as súas protestas até a delegación da Xunta, á espera de ser atendidos polo delegado territorial. De feito, os folguistas realizaron unha sentada no recibidor do edificio, onde permaneceron por máis de media hora, até que foron atendidos polo secretario do superdelegado, quen lles comunicou que a administración territorial tentaría pórse en contacto co Director Xeral de Deportes na procura de buscar unha saída ao conflito.