Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 5/2/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Delegados/as da CIG denuncian a privatización e a precariedade laboral do Consorcio durante a celebración da Asemblea Xeral

Despregaron pancartas no interior e no exterior do Pazo de Congresos de Compostela
Delegadas e delegados da CIG e traballadoras/es do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar levaron a cabo unha protesta na mañá deste venres no interior e no exterior do Pazo de Congresos de Compostela, onde tiña lugar a reunión da Asemblea Xeral deste organismo. Con esta nova mobilización quérese denunciar a privatización duns servizos públicos esenciais e a precariedade laboral que padece o conxunto do persoal do Consorcio.

Coincidindo coa reunión da Asemblea Xeral do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar no Pazo de Congresos, delegados/as da CIG e persoal do Consorcio levaron a cabo unha protesta tanto no interior como no exterior do edificio, onde despregaron pancartas para visibilizar as reivindicacións.

Coa protesta quérese denunciar novamente o proceso de privatización que está a sufrir o Consorcio, así como o incumprimento do convenio colectivo, a parálise das probas de acceso e os despedimentos de traballadores/as que están a realizar.

Mentres, a actitude da Conselleira segue a ser de negarse a recibir os/as representantes dos traballadores/as  a pesar das tres folgas que xa se desenvolveron e os centos de mobilizacións realizadas no último ano para reivindicar uns servizos sociais públicos de calidade e condicións laborais dignas. O acceso aos servizos públicos debe ser garantido para todas as persoas, independentemente do lugar en que cada un viva e dos recursos económicos que teña, xa que son dereitos sociais indispensábeis para loitar contra a desigualdade.

Degradación do persoal

Dende a CIG lémbrase que non se vai permitir que o actual goberno da Xunta de Galiza teña como obxectivo eliminar estes servizos, fomentando o seu mal funcionamento e degradando o persoal que traballa nos mesmos, coa finalidade de desmantelalos, suprimilos ou privatizalos.

Só así se explica a actuación do PP no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar que:

- Pretende degradar o persoal dos seus centros, acusándoas/os de enchufados/as.

- Despide persoal que traballa coa poboación máis vulnerable da sociedade.

- Impide que teñan un convenio colectivo que regule as súas condicións sociolaborais, malia estar xa negociado.

- Mantén a inestabilidade laboral das traballadoras/es sen celebrar procesos selectivos, convocados no seu día.

- Mantén diferentes irregularidades e non cobre as baixas por mor dunha mala xestión das listaxes de contratación de traballadoras e traballadores. 

As traballadoras e os traballadores do Consorcio e a CIG continuarán realizando todas as mobilizacións que sexan precisas para evitar que a Xunta privatice uns servizos públicos esencias para a cidadanía e para garantir unhas condicións laborais dignas para todo o persoal.

cig.prensa@galizacig.com