marco
Vigo, 5/2/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

O 10 de febreiro haberá unha grande concentración de delegadas/os de Servizos rexeitar os despidos da limpeza do Alcampo de Coia

Outras medidas xa están camiño como solicitude de reunión con Traballo, coa Patronal, e unha convocatoria de asemblea de sector
O 5 de febreiro tivo lugar unha rolda de prensa de CIG, CCOO e UGT no Alcampo de Coia na que se abordaron os despidos do persoal da limpeza neste centro de traballo pola non subrogación das traballadoras e traballadoras, asi como se deu a coñecer a contestación da Inspección, e a reunión solicitada coa Conselleira de Traballo a través da Inspección de Traballo. Tamén se anunciou a estratexia marcada para a próxima semana coa convocatoria de novas mobilizacións.

"As traballadoras da limpeza do Alcampo están baixo o convenio provincial e teñen unha cláusula de subrogación, que o que fai é blindar o caracter fixo do persoal, e ten que subrogar nas mesmas condicións. O que fai Alcampo é para aforrar 90.000 euros neste ano, que é o que custa o despedimento das 12, contrata a unha empresa que se chama Amil Lago, que é unha fundación con traballadores discapacitados", comezaba a súa intervención a secretaria comarcal da CIG-Servizos de Vigo, Tránsito Fernández.

Despediron a 12 traballadores/as e contrataron a 19 persoas de Amil Lago. Inspección vai emitir un escrito mediante o que recoñece que isto é un despedimento tácito, que teñen dereito á improcedencia no seu despido, e a Inspección vai reclamar a esta nova empresa todos os contratos, os informes de minusvalía que ten cada traballador para saber se poden realizar as tarefas que están a desenvolver no Alcampo.

As tres centrais sindicais solicitaron á través da Inspección de Traballo unha reunión coa Consellaria de Traballo, xa que "pensamos que ten que mediar aqui Traballo, porque se está a incumprir o convenio colectivo provincial".

Asimesmo, anunciaron que o 10 de febreiro de 11 a 13 da tarde haberá unha grande concentración, con delegadas e delegados do sector, para continuar a protestar contra estes despedimentos.

As concentracións das despedidas/os, acompañadas de persoal das centrais sindicais, están a ter lugar desde o domingo 31 de xaneiro todos os días, mañá e tarde.

Denunciaron a actitude policial durante estas mobilizacións, xa que están a ser identificadas todos os días, e criticaron duramente á Subdelegación do Goberno porque "está a ter unha actitude dictatorial, franquista, fascista e que estamos moi lonxe xa do século pasado para que teñan este tipo de actitudes con nós como traballadoras/es, que estamos a ser acosadas".

A representación do persoal censura ademais que por realizar o mesmo traballo que estaban a facer estes 12 traballadores se "lle estea a pagar por debaixo do convenio provincial aos empregados en Amil Lago", e denuncian que "a inserción laboral ten que ser cos mesmos dereitos e o mesmo salario".

CIG, CCOO e UGT anunciaron que van convocar unha asemblea do sector Servizos, para todas aquelas empresas que teñan subrogación, como limpeza, hostalaría e seguridade, "porque nos tememos que as empresas miren que isto vai sair ben e comecen a aparecer máis casos como este". Este conflito podería afectar a 12.000 traballadores, e mesmo xa están a valorar a convocatoria de folga xeral no sector polo incumprimento do convenio colectivo e en solidariedade coas compañeiras e compañeiros despedidos.

Tamén estableceron contactos coa Patronal da Limpeza de Pontevedra, e van ter unha reunión urxente, tamén coas centrais sindicais, porque "están preocupados".

Video da concentración

 Nesta ligazón podedes acceder a unha peza audiovisual dunha das numerosas mobilizacións no Alcampo e unha entrevista a unha das afectadas por estes despedimentos.