Dende a Federación de Administración da CIG xa denunciaran no seu día o escasa suba salarial do 0.3% acordada entre o Goberno estatal e os sindicatos CCOO, CSIF e UGT no marco da Mesa Xeral das Administracións Públicas, acordo que non contou co apoio nin da CIG nin de ELA, ao considerar que este exiguo incremento suporía consolidar a perda continúa do poder adquisitivo dos empregados/as públicos. Neste seno, hai que lembrar que gran parte dos traballadores/as das administracións teñen uns salarios inferiores aos 1.000 euros mensuais.
Seguindo a liña marcada polo Goberno estatal, a Xunta afondou nesta situación ao decidir suspender os acordos sectoriais comprometidos e asinados cas organizacións sindicais, nos que se contemplaban melloras retributivas para os vindeiros anos.
A maiores, este ano eliminouse a populista rebaixa dos 400 euros anuais na retención do IRPF. En 2008 e 2009, a retención do IRPF minorouse en 400 euros anuais, o cal equivale a 33,33 euros mensuais por termo medio. En 2010, esa rebaixa desapareceu, de forma que se reteñen eses 33,33 euros.
Dende a CIG-Administración subliñan que a combinación desas dúas circunstancias provocou a baixada dos importes nas nóminas, pois a desaparición do recorte na retención non foi compensada por un aumento suficiente nos importes das retribucións.
Para a CIG-Administración tamén resulta sorprendente que algunhas organizacións que criticaron no seu día a implantación da medida dos 400 euros, agora lamentan a súa desaparición. “Igualmente, é tamén curioso que esas organizacións acusan só o Goberno do resultado da baixada en nómina, cando consentiron en aceptar unha suba das retribucións que, razoablemente, non podían conducir a outro resultado”, afirman.
A CIG foi a única organización na Galiza que estivo disconforme coas retribucións e convocou unha concentración diante do Parlamento galego o pasado 16 de decembro contra este acordo retributivo, en demanda dun incremento salarial igual á media da suba dos convenios colectivos, un plano de recuperación do poder adquisitivo nos vindeiros anos e o mantemento dos acordos retributivos comprometidos para os próximos anos.