Dolores Castelo ofreceu información sobre a situación socio-laboral das mulleres da comarca e sinalou o listado de empresas nos que se van repartir os trípticos informativos da campaña deste ano, que nesta ocasión se presenta baixo os lemas "Por un modelo económico novo, máis xusto e solidario" e "8 horas traballando, 8 horas para durmir e 8 horas para a nosa vida persoal e familiar”.
Altas taxas de temporalidade, traballo a tempo parcial e salarios inferiores continúan a ser as características principais do traballo feminino, agravadas no contexto de actual crise económica, que en moitos casos está obrigando á incorporación da muller ao mercado laboral en condicións moi precarias, ocupando postos que antes desenvolvían os homes baixo condicións máis dignas.
Pola súa banda, María do Carme López abordou a necesidade de mudar o modelo económico vixente que “nos ten levado a situación de precariedade que vivimos nestemomento” e que ameaza con eliminar os avances que se teñen dado nos últimos anos en materia de igualdade e conciliación.
Neste senso, a responsábel de Muller da CIG, avoga "pola necesidade de pular polo dereito das mulleres, e as obrigas dos homes, para compartir e compatibilizar o traballo no fogar”. Maricarme López tamén deu conta do programa de actos organizados para celebrar este 8 de Marzo, no que se inclúen dende charlas-coloquios até exposicións ou mobilizacións. Ademais, farase entrega o 6 de marzo do premio que a central outorga a unha muller ou colectivo de mulleres que destacaron durante o pasado ano pola súa loita "e demostrarlles así o noso recoñecemento e admiración”.