Miguel Malvido, secretario nacional da CIG-Metal, comezou a súa intervención informando do proceso de asembleas que a central sindical nacionalista promoveu nos distintos estaleiros da Ría de Vigo para dar a coñecer o acordo d UGT e CCOO, coa patronal, polo que desaparece a Bolsa de emprego, e onde se atoparon coa negativa por parte dos estaleiros a que entraran representantes sindicais da CIG nestes centros de traballo porque "supostamente non estabamos lexitimados, e asi nos comunicaron este feito por escrito. Aínda asi realizamos asembleas, mesmo desde as portas dos estaleiros".
Denuncia polo Penal
Malvido informou que diante destes feitos, de prohibición de asembleas nos centros de traballo, "que nos retrotraen a tempos pasados e escuros, onde neste país se perseguía aos sindicalistas polo mero feito de defender aos traballadores/as", a CIG vai presentar no Penal unha denuncia por atentado á liberdade sindical.
"Destas asembleas que realizamos no conxunto do sector, chegamos á conclusión de que a situación merecía unha resposta, e o 4 de marzo fixemos unha asemblea xeral con todos os delegados/as, e despois cos do naval, e acordamos que para o vindeiro dia 10 de marzo facer folga no sector naval, tanto para as empresas con convenio propio, como as que están sen convenio propio, porque o acordo que regulaba ese sistema de contratación non só estaban as patronais do naval, senón tamén estaba asinado por todos e cada un dos estaleiros, polo que están tan involucrados como o resto do sector, e por iso a folga está convocada de 24 horas para todo o sector. A nosa idea é facer algún tipo de marcha e unha asemblea na que transmitiremos ao conxunto do sector o noso posicionamento no actual contexto", manifestou.
Flexibilidade e imposición de quendas
O secretario nacional da CIG-Metal lembrou que nestas pasadas asembleas nos estaleiros tamén falaron o que está a contecer na Mesa, xa que "non só se suprimiu a bolsa de emprego, a regulación da contratación que tiñamos no sector, senón que por parte da Patronal xa se puxo por escrito a intención de instalar quendas de traballo as 24 horas do día os 7 días da semana, ademais de querer unha bolsa de flexibilidade horaria de 200 horas, á que o persoal estaría suxeito a que quixera a dirección da empresa".
Malvido cualificou de "gravísimos" estes feitos, e "por iso imos facer esta mobilización, porque consideramos que é unha agresión de tal calibre que o conxunto do sector ten que reaccionar. Estase tentando renegociar o convenio, algo que non puideron facer na fase de negociación do convenio, e unha vez asinado o convenio quérese renegociar, porque dá a sensación de que hai dous sindicatos dispostos a todo neste momento, e diso queremos alertar e dar unha chamada de atención ao conxunto do metal".
"Están a modificar o convenio"
Antolín Alcántara, secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG, recollía estas últimas palabras para engadir que "se está a modificar o convenio por parte de CCOO e UGT, que venderon o convenio no seu día, sen aprobación dos propios traballadores/as que estiveron en folga, e neste momento, preténdese modificar o texto asinado en aspectos cruciais como a xornada de traballo, modificar as quendas sen autorización, instalar a flexibilidade horaria e suprimiron a regulación da contratación que daba prioridade aos traballadores/as que levaran 12 meses traballados no naval e que estaban anotados nunha lista por unha orde segundo o tempo. O que non se atreveron a facer durante o convenio, pois están a facer agora, e acontece por primeira vez".
"Convocamos o 10 de marzo porque hai unha relación moi causal, porque na actualidade nos estaleiros se está procedendo a todo tipo de acoso e intimidación sobre a xente para que non acudan ás asembleas, prohibíndolle o seu dereito de comunicación cos seus representantes sindicais, ameazándonos con sancións. Isto nunca aconteceuno naval e está a pasar agora. Hai unha situación seria de retroceso en canto aos dereitos sindicais e que dalgunha maneira obedece a esa estratexia de modificar o ámbito de relacións e precarizar máis as condicións de traballo", incidiu.
"Non teñen autoridade nin permiso dos traballadores para mudar nada no convenio"
Alcántara fixo un chamamento á participación: "cremos que hai dar unha resposta concreta por parte dos traballadores/as do sector, coa finalidade de transmitirlle aos empresarios, a CCOO e UGT que non teñen autoridade dos traballadores/as para modificar ningún aspecto do convenio. Esa é a mensaxe que queremos trasladar: non teñen o permiso dos traballadores para modificar o convenio".