Serafín Otero, secretario comarcal da CIG de Vigo, comezou a súa intervención nesta comparecencia diante dos medios de comunicación anunciando a mobilización que percorrerá a cidade de Vigo o 10 de marzo, ás 20, desde Vía Norte "contra o paquete de medidas do goberno que supoñen recortes moi graves para a clase traballadora", e criticou o papel que están a xogar as centrais sindicais estatais, CCOO e UGT, coas súas mobilizacións que "són só un lavado de cara, porque non entran en profundidade sobre o que supón a reforma das pensións".
Aumento da idade de xubilación
Tamén criticou a proposta de aumento da idade da xubilación xa que "suporía máis paro e hai situacións de traballo penosas nas que xa é dificíl que un traballador ou traballadora chegue aos 65".
Nese sentido, Otero indicou que "só pode ter unha explicación posíbel todo o que pretenden facer coa reforma das pensións: queren fomentar a privatización das pensións e levalas da man do sector financeiro".
Empobrecemento dos/as pensionistas
O secretario comarcal da CIG de Vigo denunciou o que se está a facer por detrás no Pacto de Toledo, que é modificar os anos para o cálculo das pensións, que pasarían de ser de 15 a 25 anos, polo que se retrocedería no calculo das pensións e empobrecerianse moito máis os e as pensionistas. Galiza é a segunda comunidade por abaixo na media das pensións, cunha media de 704 euros, o que supón unha situación de pobreza real "á que ninguén busca solucións".
O recorte do gasto público e da asistencia social que se está a dar tamén vai repercutir na clase traballadora, asi como o anuncio de reforma laboral, coa que pretenden abaratar o despedimento e reducir as indemnizacións, e facilitar o acceso de ETT's, e precarizar aínda máis o mercado laboral.
Acordo da negociación colectiva
O acordo de negociación colectiva asinado en Madrid pola patronal e CCOO e UGT foi outra das cuestións criticadas nesta rolda, xa que "nos pon topes nos próximos tres anos e mesmo existe unha cláusula de descolgue para a patronal, asi que non teñen nin porque asegurar eses mínimos incrementos, polo que volveremos sufrir perda de poder adquisitivo".
Necesidade da mobilización
"Estamos vivindo unha situación de perda de melloras sociais e se cedemos as traballadoras e traballadores alegando unha situación de crise, que pode ser real, mais fronte a que non hai medidas do Goberno, podemos estar diante dunha situación moi grave. Temos que mobilizarnos e sair ás rúas como se fixo noutros tempos, porque todo aquilo que se foi cedendo non se recuperou", engadiu.
Na cidade de Vigo o paro chegou xa aos 36.000 traballadoras e traballadores, e no conxunto do sur da provincia son xa 60.000 as persoas, que partindo da base de que na súa maioría son mulleres e mozas/os, aínda teñen máis difícil unha saída para a súa situación laboral.
Os sectores que máis están a sufrir esta crise son Servizos e Construción, mais tamén a automoción e o naval están pasando unha situación difícil no emprego.
Na comarca de Vigo hai moitos conflitos abertos como o de Alfageme, Adegas Galegas, Tradisa, Orbi, Agridesa, Delio, Antolín Asientos, Cruz Vermella, os despedidos da limpeza no Alcampo, Levantins, o peche dalgunha entidadde financeira de Citifin, asi como a ameaza de deslocalización que sofre a empresa de telemarkéting Bosch, entre moitos outros.
Tamén se salientou nesta rolda a folga no sector naval, asi como a loita da asemblea de parados do naval co seu acampamento fronte á Xunta en Vigo.
Criticas á Xunta
Nesta situación tan complicada "Traballo non dá sinais de vida, dá a sensación de que están desaparecidos do mapa", criticou e insistiu na necesidade de "mobilizarnos o dia 10, para qie sexan os máis ricos os que teñan que aportar máis, por unha defensa do emprego maior e de calidade, para que se incremente o gasto social, para que haxa outra política de rendas e por unha economia galega, pública e sostíbel".
Por último realizou un chamamento á manifestación, e anunciou que "terán lugar moitas máis mobilizacións, polo que tampouco é descartabel unha folga xeral, porque se dan todo tipo de motivos".