Denuncian con esta concentración a importante destrución de emprego feminino en tempo de crise, cando esta suposta entidade benéfica recebeu 300.000 euros para fomentar o emprego, e agora o único que pretende é "despedir barato, especular co edificio cedido polo concello, trasladando alí as súas oficinas e vendendo o mobiliario da rúa Ecuador".
Unha cuestión de xénero
Ademais esta mobilización quere por de manifesto que cando se pechan centros sanitarios e de atención a persoas con poucos recursos e pacientes de longa duración a quen afecta en maior medida é tamén ás mulleres, coidadoras e que agora polos traslados fóra da área sanitaria de Vigo destes pacientes verán como a súa vida de novo se altera, xa que para visitar a súa familia terán que trasladarse ás residencias privadas a que están a ser trasladados/as, en Aldán, Lalín, Pontevedra, un caso en Lugo e mesmo a casas tuteladas.
Estes traslados afectan tanto a vida das familias como a atención que van receber estes/as pacientes, que non disporán do mesmo trato nin terán as mesmas visitas, pola distancia das súas casas, o que pode ter consecuencias na súa saúde e na do seu entorno.
Campaña do 8 de marzo
Por último, a Secretaria da Muller nesta nota de prensa quere dar a coñecer a campaña que está a difundir nos centros de traballo da comarca, e que neste ano, ten por lema "Resistimos e loitamos. Reivindicamos o noso espazo na sociedade como mulleres, traballadoras e galegas".
Asi, son moitos os perigos existentes nestes momentos de crise que poden levar a un retroceso no avance laboral acadado polas mulleres nos últimos anos: perda de emprego, empeoramento das condicións laborais e salariais... A situación de crise tamén pon en perigo os avances na conciliación, tanto pola redución de fondos públicos, destinados a estas políticas como pola prevalencia do emprego sobre a calidade do mesmo.