Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 5/5/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG Construción denuncia o incumprimento dos festivos fixados polo convenio da provincia de Pontevedra

Xornada de denuncia
O 5 de maio era un dos festivos fixados polo convenio, e que co festivo do 2 de maio, daba a posibilidade dunha ponte longa e un merecido descanso para os traballadores do sector da Construción da Pontevedra. A CIG, en colaboración coa Inspección de Traballo, denunciou o incumprimento do descanso neste festivo establecido polo convenio provincial.
Na imaxe intervindo nunha asemblea durante a pasada folga da Construción polo altofalante Xoan Xosé Melón, secretario nacional da CIG Construción.

A chegada dos traballadores portugueses á Construción na provincia de Pontevedra mudou moitas das condicións do sector, e provocou unha perda de conquistas xa normalizadas no sector, como son os festivos fixados polo convenio.

Estas son algunhas das conclusións que obtiveron desde a CIG Construción o 5 de maio, despois de realizar unha xornada de investigación e traballo no sector, en colaboración coa Inspección de Traballo, para determinar se se estaba a cumprir este festivo.

A resposta foi que, aínda que a maioría do sector estaba parado, alí onde había empresas portuguesas traballando, e non só, houbo incumprimentos importantes. A federación da Construción da CIG de antemán puxérase en contacto coa Inspección de Traballo para que, en coordenación e cos seus medios, actuaran alí onde a CIG coñecia que ía haber incumprimento neste festivo: desde as obras do Ave na provincia, o estadio de Pasarón en Pontevedra, obras en Vilagarcía, en Salvaterra, Vigo ou no Polígono de Navia.

Identificados pola Policía

A CIG informou polas obras da necesidade de cumprir este festivo, pero despois de media hora e xa pola mañá, fixo aparición a Policia e identificou aos sindicalistas que estaban a realizar este labor informativo, e mesmo alí onde os traballadores xa recolleran e ían marchar de volta a Portugal, a Policia defendía que continuaran a traballar. Para Xoan Xosé Melón, secretario nacional da CIG Construción, "vivimos no mundo ao revés, porque quen debería protexer que se cumpriran as leis en materia laboral, protexían que se incumprira, e nós que non temos porque realizar este traballo, éramos os que informábamos, e éramos perseguidos pola Policia, mesmo intimidados".

Unha constatación máis do incumprimento

Xoan Xosé Melón, secretario nacional da CIG Construción, criticaba asi este feito que "é unha constatación máis do incumprimento do convenio, que estamos a denunciar constantemente, e que nesta xornada onde puñamos a ollada era nos festivos, pero tamén pasa en cuestións salariais ou sociais, ou da xornada, que cada vez vai a máis, asinadas e fixadas no convenio, que tanto nos custou pelexar".

Melón, sobre os festivos, destaca que "era unha conquista xa conseguida, de pleno dereito, que cada vez ia máis en aumento o cumprimento deste apartado do convenio, e coa chegada dos traballadores portugueses houbo un cambio tamén na cuestión dos festivos fixados polo convenio".

O secretario nacional manifestaba así que "hai un deterioro progresivo do convenio, que abarca todos os aspectos de melloras sociais, salariais e de todo tipo, que se ve agravado desde xaneiro até agora, que non se pode explicar sen a chegada masiva dos traballadores portugueses en piores condicións, e empresas que até o de agora cumprían o convenio xa se somaron tamén a esta tendencia de non cumprir coa norma".

"Isto é unha parte máis da nosa denuncia, e se de aqui á última parte do verán vemos que hai incumprimento nas mesmas materias que vimos denunciando até o de agora, temos que pensar seriamente nunha folga para que se cumpra o convenio", remata Melón.

cig.prensa@galizacig.com