Na Praza do Concello Bieito Lobariñas e Luis Caruncho inauguraron coas súas regueifas esta novena edición do Correlíngua, que contou cunha alta participación de centros e alumnado, que chegaron a ser perto de 5.000 mozos e mozas.
Mobilización polo centro de Vigo
Despois dun pequeno acto de inicio na Praza do Rei daba xa comezo a manifestación destes milleiros de rapaces e rapazas, que percorreron a Avda das Camelias até chegar á Praza de América, desde onde baixaron até o Parque de Castrelos.
Actuacións no Correlingua
Ao longo do percorrido participaron animando esta mobilización o grupo Fantoche Bag, con zancudas e cabezudos. Ademais no Parque de Castrelos, o grupo de teatro Chévere interpretou unha pequena peza, na que se simbolizaba a través dunha recreación de "Star Wars" a necesidade de continuar a falar o galego para manter a nosa identidade como galegos e galegas.
Manifesto do Correlingua
Tamén desde este escenario de Castrelos, un grupo de nenos e nenas dun centro de ensino da comarca de Vigo, concretamente de Panxón, deu lectura ao seu manifesto, gañador do concurso de manifestos desta edición do Correlingua, no que sinalaban: "Hai quen non quere que se dean as clases en lingua galega nas áreas que pola Lei de Normalización Lingüística se teñen que dar en galego; que din que se está impoñendo o galego no ensino. Prefiren que os seus fillos e fillas aprendan inglés e non galego. Pódese falar en galego, sen que por iso deixemos de aprender outras linguas. Na actualidade o galego non se impón, mais ben o que se impón é o castelán, pois é a lingua maioritaria. Se non facemos por remedialo, seguirá a mesma situación, ou mesmo empeorará, e cada vez haberá menos número de galegofalantes novos, o que levará consigo que a lingua galega se perda. Está nas nosas mans cambiar a situación. Falemos en galego!"
Por último, Hugo Torreiro, gañador do 'A polo Ghit Correlingua 2009', cantou varias cancións, nun ambiente cheo de festa, calor e sorrisos.
O Correlingua está organizado pola Mesa pola Normalización Lingüística, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), a Federación de Ensino da Confederación Intersindical Galega (CIG-Ensino), e os concellos de Santiago, Lugo, Pontevedra e Vigo.
Máis imaxes
Podedes visualizar máis imaxes desta xornada na nosa galería gráfica.