A consellaría de Traballo ten até este xoves de prazo para decidir se acepta o ERE tramitado por Sykes. No aire está a posíbel deslocalización da multinacional e a destrución duns 400 postos de traballo entre os máis de 200 da Coruña, máis de 30 en Lugo e os máis de 100 que xa se perderon a finais de marzo.
Por iso, desde o pasado venres, comité de empresa e representantes sindicais veñen intentando manter unha xuntanza con representantes da administración para solicitar que en lugar de aceptar un ERE “fraudulento” presentado pola multinacional se aposte pola defensa do emprego. Así, o venres 30 intentaron obter información na delegación territorial da consellaría de Traballo na Coruña, onde recibiron como única resposta o desaloxo policial. A situación repetiuse o luns día 3 de maio, desta volta na Xefatura Territorial de Traballo, en Matogrande, co mesmo resultado. O martes 4 de maio trataron de entrevistarse co superdelegado da Xunta na Coruña e de novo respondeu a policía autonómica e este mércores, máis do mesmo.
“Estamos pendentes da resolución do ERE, coa incerteza e coa preocupación de non ter resposta algunha, e cunha administración que fai caso omiso ás nosas peticións, máis que o envío da policía”, explicaba o secretario comarcal da CIG da Coruña, Paulo Carril.
Solicitude por escrito
E é que a situación foi máis propia dunha película dos irmáns Marx que dunha xuntanza coa administración pública galega. Cando os membros do comité e os representantes sindicais chegaron ás portas do despacho da conselleira de Traballo, no edificio administrativo da Xunta de Galiza, en San Caetano, saíulles ao paso o Xefe de Gabinete para recriminalos por presentarse sen ter tramitado previamente unha solicitude de audiencia, acusándoos ademais de utilizar a presión para conseguir os seus obxectivos.
Unha acusación á que responderon que levaban desde a semana pasada solicitando unha entrevista que non lles era concedida. Aínda así, máis de 10 veces repetiu o representante da consellaría que ao único que se comprometía era a tramitar unha solicitude que debía entregarse por escrito.
Logo de pedir folios, para escribir a famosa solicitude de audiencia e de asinala todos os alí presentes, a sorpresa foi cando volveron a entregala. O xefe de gabinete recolleu a súa petición, pero anunciou que a entrevista non tiña sentido, porque nada cambiara desde a última xuntanza que mantiveran na Dirección Xeral de Relacións Laborais. Ou sexa, que a tan necesaria solicitude por escrito, 15 minutos antes, xa se anunciaba que non sería atendida.
Aínda así, os membros do comité e os representantes sindicais insistiron en explicar que as circunstancias si cambiaran desde a última xuntanza porque a Inspección de Traballo, que rexeitou que concorreran as causas económicas alegadas pola empresa para xustificar o ERE tanto para Lugo como para A Coruña, si considerou as causas “organizativas” e de “produción” para o caso da Coruña.
Aceptar a deslocalización sería abrir a porta a despedimentos masivos
Un cambio substancial da situación que deixa en mans da Xunta de Galiza e, nomeadamente, da consellaría de Traballo, a última palabra, porque dela depende dar o visto bo ou rexeitar o Expediente de Regulación de Emprego e, polo tanto, decidir se acepta o que no fondo non é máis que un “despedimento masivo”, que ten como obxectivo último a “deslocalización”, explicaba Carril, quen insistiu en que, diante desta situación, a consellaría “non pode refuxiarse en cuestións técnicas fronte á defensa dos postos de traballo, porque o que evidenciaría sería a súa incapacidade e, en calquera caso a súa política de defensa dos traballadores, que non é defender o emprego senón estar a favor das decisións empresariais”.
Neste sentido, o secretario comarcal da CIG da Coruña advertía que o máis grave é que “aprobando este ERE abriríase a porta á posibilidade de despedimentos masivos non só neste sector senón tamén no resto dos sectores”. Por iso, reclamou da Xunta “que saia clara e decidida na defensa do emprego”.
A solución ten que facerse pública hoxe, como moi tarde, porén, Carril afirmou que “a solución tiña que estar xa clara porque hai uns informes unánimes das 4 centrais sindicais e do comité de empresa que entende que é unha fraude e que non se dan as condicións económicas nin organizativas que a empresa alega e que, polo tanto a Xunta debera, de forma inmediata e sen ningún tipo de dilación dar contestación”.
Fronte a isto, a Xunta respondeu, tal e como dixo Carril, “coa mesma política que ten nas relacións laborais: envío da policía, ameaza de desaloxo e non a resolver o problema, dando a sensación de que mantemos unha actitude que merece ese trato cando realmente estamos defendendo o emprego e dicíndolle á Xunta que con nós defenda os postos de traballo”.