Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 5/5/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

O Comité da antiga CxG Gestión Operativa concéntrase para esixir o mantemento das súas condicións laborais

A nova propietaria, HP, ten intención de pasar ao persoal convenio do telemárketing
O Comité da antiga CxG Gestión Operativa, acompañado por delegados e delegadas da CIG, desenvolveron esta mañá unha nova concentración diante da Oficina Principal de Caixa Galicia en A Coruña para esixir garantías da continuidade do emprego e o mantemento das súas condicións laborais.

Esta ex auxiliar de Caixa Galicia, vendida á multinacional HP o pasado mes de decembro, continúa traballando en exclusiva para entidade financeira realizando as tarefas de xestión administrativa. Mais agora, os seus traballadores/as vén perigar non só os seus postos, senón as condicións laborais que foron consolidando, pois Hewlett Packard ten intención de cambiar o convenio de referencia e pasar ao persoal ao convenio do telemárketing a partir de 2011.

Óscar Calvo, responsábel da CIG-Banca en A Coruña, sinalaba durante a concentración que “HP pretende recortar as condicións dos traballadores/as pasándoos do convenio de oficinas e despachos ao do telemárketing. Nós só pedimos manter as condicións laborais que temos e nin iso nos poden garantir”. Dende o Comité e a CIG apelouse novamente á responsabilidade de Caixa Galicia cun cadro de persoal que continúa traballando para a entidade como empresa externa e reclamouse que medie diante da multinacional norteamericana.

A este respecto, o responsábel comarcal de CIG-Banca, lembrou que dende a efectivización da venda o Comité tentou sentar a todas as partes implicadas, pero “dende Caixa Galicia nos ningunearon e por parte de HP o único que nos confirmaron foi a súa intención de pasar ao convenio do telemárketing. Isto implicará a conxelación das condicións laborais de por vida para uns traballadores e traballadoras que levan 22 anos neste servizo”.

A mobilización desta mañá dá continuidade ás protestas iniciadas polo Comité dende que Caixa Galicia anunciara a venda da súa filial.

cig.prensa@galizacig.com