Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 5/6/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG reclama a posta en marcha inmediata do proxecto do novo hospital de Vigo

A central advirte á Consellaría que non vai tolerar a entrada de xestión privada no sistema público de saúde
A CIG reclamou á Xunta que poña en marcha os acordos pola saúde acadados en 2006, especialmente no referente á construción do novo hospital da área sanitaria de Vigo. Dende a CIG de Vigo e a Federación de Saúde desmentiron as afirmacións da Consellería de Sanidade, quen asegurou non dispor de cartos para levar adiante o proxecto, e criticouse que a administración pretenda facilitar a entrada de capital privado no SERGAS lanzando debates “estériles”. De igual xeito, advertiron que non descartan convocar mobilizacións sindicais e sociais se as obras non comezan ao longo deste ano.
Antonio Iglesias, secretario comarcal da CIG-Saúde de Vigo, María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde, e Xerardo Abraldes, secretario comarcal da CIG de Vigo.

O secretario comarcal da CIG de Vigo, Xerardo Abraldes, a secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, e o responsábel desta Federación en Vigo, Antonio Iglesias, compareceron en rolda de prensa para reclamar á Consellaría de Sanidade que inicie os procesos de expropiación e licitación das obras do novo hospital da cidade canto antes.

Abraldes destacou que a área sanitaria de Vigo arrastra un “altísimo déficit” dende hai máis de 16 anos, ao que se puxo solución coa sinatura do acordo básico pola saúde de 2006. O acordo recolle a construción do novo complexo hospitalario de Vigo que contaría con máis de 1.400 camas para atender a unha poboación de 600.000 habitantes.

Non obstante, Xerardo Abraldes, lamentou que logo do cambio de goberno “estamos nun debate continuo cuxa única vontade é atrasar a construción do novo hospital e facilitar a entrada de capital privado no centro para a súa posterior explotación e xestión cunha fórmula privada”.

Neste senso, subliñou que a primeira argumentación da Consellaría de Sanidade para paralizar o proxecto consisten en asegurar “que non hai cartos” pero, segundo indicou, existe xa un acordo no que aparecen consignados 290 millóns para a construción do novo hospital de Vigo, a aplicar no prazo 2009-2013, ano no que debería estar rematado o complexo.

Así mesmo, aclarou que tampouco hai problemas á hora de proceder ás licitacións e as expropiacións, que, se houbese vontade, “poderían estar listas nun prazo de seis meses”, posto que non hai mecanismos legais que o impidan. Sobre este punto reiterouse que existe un acordo para que as licitacións se poidan realizar paralelamente ás expropiacións, “Con este debate estéril promovido por Sanidade corremos o risco de que non teñamos este hospital tan necesario e que o modelo de xestión remate en mans privadas”, advertiu.

Trato igualitario

A secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, aproveitou para denunciar a política sanitaria que está a levar a cabo o goberno galego dirixida a dar un “trato igualitario” á sanidade pública e á privada. “As manifestacións públicas indican que non é intención deste goberno cumprir o Plano de infraestruturas sanitarias, dotado con 1.300 millóns de euros”, afirmou Abuín. Estes orzamentos estarían destinados á construción dos hospitais de Vigo e Pontevedra, a posta en funcionamento do hospital de Lugo, así como a realización de obras en 14 centros públicos e desenvolvementos nas infraestruturas de atención primaria. 

En canto a Vigo, explicou que o plano viña saldar a débeda histórica con esta área sanitaria, “que esta a provocar os déficits que hai na actualidade”.

Entre os argumentos esgrimidos pola Consellaría para a paralización do novo hospital, Abuín lembrou a intervención do Secretario Xeral do SERGAS o pasado 2 de xuño no Parlamento, na que asegurou que están avaliando a utilidade de contratar a obra a través da Sociedade Pública de Investimento (SPI), pois consideran que non garante a supervisión do proxecto polo SERGAS. Cuestións que a responsábel de CIG-Saúde negou rotundamente, en base ao acordo que existe entre o servizo galego de Saúde e a SPI.

“A SPI soamente vai tramitar aqueles proxectos que lle encomende do SERGAS, que en todo momento terá o control absoluto do seu desenvolvemento”, aseverou. Por tanto, “neste momento non existen impedimentos para pór en marcha o proxecto do novo hospital de Vigo, xa que ademais, existe un cronograma onde se recollen todas as fases e momentos que teñen que seguir as obras do novo hospital”.

Abuín tamén se refiriu a que cos modelos híbridos de iniciativa privada no sistema de saúde (importadas do modelo inglés e que xa se teñen implantado en Madrid) “só gañan os consorcios empresariais e perden a poboación asistida e os traballadores/as”.

Comezar as obras en agosto de 2009

Pola súa banda, Antonio Iglesias, lembrou que o acordo pola saúde de 2006 conta cun amplo consenso social, motivo polo que dende a central non se vai tolerar que se fagan recortes nin na cualidade asistencial nin no número de camas do novo hospital de Vigo. 

Iglesias indicou que, segundo os planos, a licitación xa tiña que estar realizada para que as obras deran comezo en agosto deste ano. “No verán xa tiñamos que estar vendo algún movemento nas obras, pero parece que este goberno está pondo trabas para pór en marcha este acordo”, lamentou.

“Este hospital é necesario porque a poboación conta con peores condicións de atención sanitaria que noutros puntos do País”, ao que engadiu que o atraso no proxecto vai significar que 1.250.000 habitantes teñan unha asistencia sanitaria deficiente”, xa que ás 600.000 persoas que atenderá o complexo dentro da área do sur de Pontevedra, hai que engadir a poboación para a que será referencia en materia de altas tecnoloxías.

O responsábel da CIG-Saúde en Vigo tamén destacou que a central, de non levarse a cabo o hospital nos prazos previstos, “vai promover accións de sensibilidade e mobilización que leven a conseguir o desenvolvemento deste proxecto. Esta área non pode continuar con este déficit asistencial”, advertiu.

Concerto con Povisa

En canto ao futuro dos traballadores/as de Povisa por mor da construción do novo hospital, María Xosé Abuín transmitiu unha mensaxe de tranquilidade ao asegurar que o concerto asinado entre o SERGAS e o hospital privado non corre perigo. “O concerto asinado en 2006 contempla xa unha carga de traballo para Povisa que manterá o cadro de persoal”, afirmou. Non obstante, sinalou que hai que revisar ese acordo no referido á transparencia sobre a facturación e a asistencia real que ofrece Povisa, pois o actual pacto contén numerosas eivas en materia de control.

cig.prensa@galizacig.com