Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 5/6/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Un pelotazo de goma rebentoulle a parte de fora do ouvi
Miguel Malvido, secretario nacional da CIG-Metal, intervindo na asemblea final de Barreras.

A sexta xornada de folga do Metal deixa novas violentas cargas policiais contra os traballadores polo centro de Vigo

A próxima semana a folga será indefinida desde o mércores
O xoves 4 de xuño comezaba a mañá como os anteriores dias de folga, con concentracións diante dos centros de traballo, e con marchas desde as zonas industriais de Vigo, e xa van seis dias de folga. Mais este non ía ser unha xornada máis, senón que a Policia decidía volver coller un protagonismo que nunca debera ter nun conflito laboral: o papel da represión contra aqueles que defenden os seus dereitos laborais e o da violencia desproporcionada utilizando porras, gases lacrimóxenos e pelotas de goma contra traballadores. Aínda asi os folguistas ao final da xornada berraban diante de Barreras: "Convenio si, policia non", e lembraban que para a semana xa están convocadas tres xornadas máis de paro, e que o último dia da próxima semana esta convocatoria é de folga xeral no sector.

En Barreras, Vulcano, Puxeiros, Avenida de Madrid, o Camiño do Caramuxo, a estrada de Baiona e Vincios volvían xuntarse os grupos de piquetes a primeira hora da mañá, como ven sendo habitual nas xornadas de folga que levamos vivido nos últimos meses pola negociación do convenio provincial do Metal de Pontevedra. Tamén noutras zonas da provincia realizabanse estas concentracións, como en Marín, Pontevedra ou no Salnés.

"Convenio si, policia non"

Na concentración de Barreras xa se puideron escoitar os primeiros berros dos folguistas como "Convenio do metal solución" ou "Convenio si, policia non", que deixaba ben ás claras a firme vontade dos traballadores de volver visibilizar o seu conflito nas rúas, mais tentando evitar en todo caso que como en xornadas anteriores a Policia volvera asumir un protagonismo que desenfocara cal é o centro deste conflito: un convenio xusto para o Metal.

Asi, pouco despois das nove da mañá saía unha marcha desde Barreras, da que participaban de novo un grande número de traballadores e traballadoras, e que encamiñaba os seus pasos pola Avenida de Beiramar.

Ocupación da Estación Marítima

Ao chegaren á zona do Centro Comercial da Laxe, a cabeceira desta marcha decidiu tentar superar unha pequena barreira policial de catro antidisturbios para realizar unha ocupación simbólica da Estación Marítima de Vigo. Despois de levar uns cantos porrazos xa no lombo, unhas cincuenta persoas conseguiran chegar á Estación Marítima. Contra o resto da manifestación, que ía participar desta pacífica ocupación, o que houbo de novo foron pelotas de goma e botes de fume.

Quince minutos despois de que chegara este grupo ao interior da Estación Marítima varios grupos de antidisturbios acudían ás súas portas a forzar o desaloxo deste espazo. Finalmente, despois de varios minutos máis, negociaron á saída da Estación, baixo a premisa de que non habería cargas. Ao berro de "Somos traballadores, non delincuentes" e coas mans en alto, este grupo saía de novo até a Avenida de Beiramar, onde a Policia, desde as súas costas, volvía cargar, mesmo derrubando ao chan a un traballador por un pelotazo por detrás, que lle danaría a parte exterior da orella e que tiveron que trasladar os seus compañeiros en brazos, para que fora atendido.

Persecución policial polo centro de Vigo

Desde este momento, e aínda eran as dez da mañá, comezaría unha auténtica persecución policial polas rúas de Vigo, con constantes cargas e botes de fume polo centro da cidade, sen importarlles o máis mínimo ferir a manifestantes ou simplesmente cidadáns que camiñaban nese momento por calquera rúa do centro. Nunha actitude prepotente, mesmo gravando as súas intervencións policiais co móbil, os antidisturbios rían, berraban e tentaban arrinconar e silenciar a voz dos traballadores do Metal.

Ás dez e media os traballadores tentaban facer unha asemblea na Praza do Concello, onde combinaran todos os grupos de piquetes, onde de novo volvían cargar, dispersando aos folguistas e cargando noutras zonas como O Castro, Paseo de Alfonso, Gran Vía, as Travesas, Praza de América, Torrecedeira ou a rúa Coruña. Nestas cargas o propio secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG, Antolín Alcánatara, recebeu un pelotazo na sien, que o botou ao chan.

E deste xeito, pola abafante persecución policial, os traballadores volvían decidir xuntarse no estaleiro de Barreras, desde onde poder resistir. Nesta xornada os botes de fume convertíranse en gases lacrimóxenos, que afogaban aos traballadores e fotógrafos, e desde as once da mañá até perto da unha da tarde podíanse contar por centos estes gases e as pelotas lanzadas polos antidisturbios.

Asemblea en Barreras

A unha da tarde retirábanse os antidisturbios de Barreras, dando lugar a unha asemblea diante do estaleiro para analizar o acontecido nesta xornada, asi como as previsións para a próxima semana neste conflito. Nesta asemblea, en representación da CIG, interveu o secretario nacional da CIG-Metal, Miguel Malvido.

Malvido comezou a súa intervención lembrando que "temos dereito á folga, temos dereito á manifestarnos e temos dereito a defendernos". Recoñeceu que "hoxe houbo moitos feridos nas nosas filas, tiveron unha intervención desproporcionada e brutal, eles son os agresores".

Condena á actuación policial

Malvido condenou a actitude "bestial e brutal das forzas represivas", asi como anunciou a posibilidade dunha gran manifestación social para visibilizar o apoio pola loita deste convenio "porque tamén estamos a pelexar polo futuro das nosas familias".

Folga indefinida a próxima semana

Ademais tamén lembrou que a partir do mércores, e estando xa asinada a convocatoria de folga, haberá folga indefinida para todos os traballadores afectados polo convenio provincial do Metal, e o venres a convocatoria será de folga xeral para todo o sector do Metal, con convenio ou sen convenio propio.  Por último, o secretario nacional da CIG-Metal engadiu que "onte anunciabamos que nesta folga indefinida iriamos marcando os tempos, e tamén podemos anunciar que se non chega cun dia de folga xeral no sector pode que haxa máis convocatorias".Asi, Malvido agradeceu a capacidade de loita e resistencia do sector.

Rolda de prensa

Á tarde quedaba convocada unha rolda de prensa na Federación Veciñal Eduardo Chao, que contaría coa presenza dos secretarios comarcais de CIG, CCOO e UGT, asi como dos secretarios nacionais do Metal das tres centrais sindicais. Esta rolda non se chegou a celebrar porque os medios de comunicación presentes decidiron facer un plante polo desgrazado accidente que aconteceu en Barreras, cando un cámara dunha televisión, que filmaba situado xunto aos furgóns policiais, foi alcanzado polo impacto dun petardo.

Os traballadores dos medios protestaban asi con este acto corporativista pola suposta actitude agresiva dos traballadores, esquecendo a continúa provocación e violencia policial, quen están a ser os agresores neste conflito, e as decenas de traballadores feridos que levamos nestas xornadas.

Máis imaxes do 4 de xuño

Para ver máis imaxes da folga do xoves podedes consultar unha ampla galería na sección multimedia da nosa web ou nesta ligazón

cig.prensa@galizacig.com