A marcha sairá o luns 11 de xuño dende a Delegación do Goberno (ás 10:00 horas) e está previsto que chegue ao complexo administrativo de San Caetano o mércores 13 de xuño, por volta das 12:00 horas. Alí, o persoal da fábrica de Alcoa da Coruña trasladará ás súas reivindicacións ao goberno galego solicitando que se regule unha tarifa eléctrica competitiva para a industria e en particular para o sector do Aluminio.
Pola súa banda, dende a Sección Sindical da CIG continúase amosando o rexeitamento ao ERE temporal vixente na factoría, por entender que non soluciona a problemática económica ou produtiva que poida existir nin tampouco garante a viabilidade da empresa. De feito, a Sección Sindical volveu amosar a súa preocupación porque as verdadeiras intencións da multinacional do aluminio pasen pola deslocalización da produción en Europa, deslocalización que comezaría precisamente polo desmantelamento da planta da Coruña.
Neste senso, cómpre lembrar que Alcoa está a construír a maior planta de aluminio do grupo en Arabia Saudita, que se prevé que entre en funcionamento durante o ano 2013. Tamén é coñecido que Alcoa está a investir capital para mellorar a produción doutras plantas en diferentes países. Pola contra, hai dous anos a dirección acordou a supresión da produción de 20.000 T/anuais de alambrón planta da Coruña en favor da fábrica de Islandia, o que supuxo a parada definitiva da instalación de laminación de Alcoa Inespal.