Por iso, a Mesa reclámalle á Xunta que “escoite ás asociacións de nais e pais, sindicatos, organizacións estudantís e movementos de renovación pedagóxica, que lle reclaman a unha soa voz unha política educativa, lingüística e cultural que non ataque os nosos sinais de identidade e que garanta as competencias comunicativas do alumnado no idioma propio de Galiza”.
A entidade tamén “anima” ás familias con nenas e nenos en educación infantil a que respondan “galego” nas preguntas da matrícula que lles achegarán desde os centros. “Sabemos que se trata dunha consulta trampeira, xa que nin fica claro o motivo da pregunta, nin as súas consecuencias, mais temos que ter claro que só respondendo galego se defenderá o dereito de aprendizaxe no idioma que nos une como galegas e galegos”, apunta o seu presidente, Carlos Callón.