Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 5/7/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

As testemuñas achegadas por Geriatros poñen en evidencia as acusacións da empresa contra a delegada da CIG

Durante a celebración do xuízo contra o despedimento da traballadora, o pasado venres 2 de xullo
Coincidindo coa vista do xuízo polo despedimento dunha delegada da CIG na residencia da terceira idade de Geriatros en Laraxe (Cabanas), delegados e delegadas da central desenvolveron unha concentración silenciosa diante dos xulgados para reclamar xustiza para esta traballadora, despedida por defender os dereitos dos seus compañeiros e compañeiras. Durante a vista, as testemuñas achegadas pola empresa incorreron en numerosas contradicións pondo en evidencia as acusacións formuladas dende Geriatros.

Dende a CIG-Servizos de Ferrol amosáronse, con todas as reservas posíbeis, satisfeitos polo resultado do xuízo, xa que durante a toma de declaracións,  as testemuñas que presentou a empresa caeron en constantes contradicións, pondo en evidencia os argumentos aducidos por Geriatros. Ademais, non quedaron de ningún xeito demostradas as acusacións de suposto maltrato por parte da traballadora, escusa alegada pola empresa para xustificar o despedimento.

A presidenta do Comité de empresa defendeu a profesionalidade da traballadora despedida, rexeitando en todo momento as falsas acusacións aducidas por Geriatros. “Non nos conformamos con que declaren nulo o despedimento e a readmitan, queremos pedir responsabilidades sobre estes feitos, porque o dano moral que se lle está a causar a esta traballadora é moi grave”, denunciaba. Neste senso, urxiu ao xulgado que pronuncie canto antes a sentenza, a fin de rematar o calvario que está a padecer esta delegada da CIG, inxustamente atacada.

Hai que lembrar que o despedimento estivo motivado pola presión ocasionada polos delegados/as da central no Comité de Empresa á Dirección da mesma, dado que ao longo destes anos se conseguiron unha serie de melloras dentro deste centro e á compañía (que xestiona varias residencias deste tipo en toda Galiza) teme que este comportamento se faga extensivo ao resto dos xeriátricos.

Concentración ás portas do xulgado

Previamente á celebración do xuízo, delegados e delegadas da CIG desenvolveron unha concentración silenciosa diante dos Xulgados para amosar o seu apoio á afectada, mais tamén para denunciar os ridículos temores da parte empresarial, que novamente solicitou protección policial para acceder á sala.

cig.prensa@galizacig.com