Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 5/7/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

O Comité de Sykes denuncia, unha vez máis, as irregularidades da empresa na xuntanza coa Dirección Xeral de Relacións Laborais

Desenvolverán unha concentración mañá, martes 6 de xullo, diante do edificio da Xunta en A Coruña, a partir das 11:00 horas
O Comité de Sykes e representantes sindicais mantiveron esta mañá unha xuntanza coa Dirección Xeral de Relacións Laborais en Compostela para urxir a resolución dos recursos presentados contra a aprobación do expediente de regulación e instar a administración galega a implicarse neste conflito, que semella rematará co peche da plataforma de Sykes en A Coruña.

Dende a parte social lembrouse que até en tres ocasións se solicitou unha xuntanza coa Consellaría de Traballo, peticións que non obtiveron contestación, e día de hoxe o persoal agarda a resolución aos recursos contra o ERE. A este respecto, a representación dos traballadores/as lembrou que dende a aprobación do expediente, a empresa despediu, ademais dos 68 empregados/as incluídos no ERE, a outras 62 persoas en A Coruña e a 14 en Lugo con contrato de obra, sen que polo momento presentase un plano de viabilidade para garantir a continuidade de actividade nos centros galegos.

En total, no que vai de ano, a empresa despediu a máis de 240 persoas. Situación fronte á que a Xunta de Galiza non ten adoptado medida algunha, amparándose en cuestións técnicas. A representación dos traballadores/as acusou a Xunta pola súa pasividade e despreocupación diante desta destrución continuada de empregos, que mesmo se ten agravado tras a decisión de autorizar parte do ERE, pois deu argumentos á Sykes para continuar na vaga de despedimentos. A presidenta do Comité, Dina Lema, criticou a falta de acción por parte da coruñesa Beatriz Mato á hora de defender a continuidade dos postos de traballo e os dereitos dos traballadores e traballadoras.

Así mesmo, denunciouse ante a Dirección Xeral de Relacións Laborais as irregularidades cometidas pola empresa, xa que a maioría dos contratos se atopan en fraude de lei, polo que parte considerábel das rescisións dos contratos por obra en realidade serían despedimentos de persoal indefinido.

Concentración en Monelos

O Comité de Sykes acordou desenvolver mañá, martes 6 de xullo, unha concentración diante dos edificios administrativos da Xunta en Monelos, a partir das 11:00 horas. Coa protesta, que coincide coa data da aprobación do ERE hai dous meses, quérese esixir unha resposta urxente aos recursos e denunciar a situación que están a padecer as/os traballadoras/es da multinacional do telemárketing.

cig.prensa@galizacig.com