Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 5/7/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Queremos Galego reúnese en Madrid co comité de expertos que avalía o cumprimento da Carta Europea das Linguas

Unha delegación da plataforma cidadá entregaralle un extenso relatorio sobre a situación actual dos dereitos da comunidade lingüística galega
Unha delegación da Mesa e da Plataforma Cidadá Queremos Galego reunirase este mércores en Madrid cos representantes do Comité de Expertos do Consello de Europa encargado de avaliar o grao de aplicación da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias (CELRM), tratado internacional de obrigado cumprimento ratificado polo Estado español en 2001.

A delegación que se entrevistará co comité estará formada pola profesora, escritora e sindicalista da CIG-Ensino Marta da Costa; a profesora universitaria na USC e xurista Alba Nogueira; e o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón. Xunto a esta delegación participarán tamén representantes doutras entidades cidadás de Galiza que traballan na promoción e dignificación da lingua galega en diferentes ámbitos.

En febreiro de 2010, unha das representantes deste Comité de Expertos, Simone Klinge, mantivera un encontro con representantes de Queremos Galego aproveitando unha visita a Galiza. Nesta reunión, a plataforma cidadá impulsada e coordinada pola Mesa entregáralle un documento no que se expuña o elevado grao de incumprimento dos obxectivos da Carta Europea en Galiza, notoriamente agravados “pola política de desprotección da lingua galega” iniciada polo goberno presidido por Alberto Núñez Feijóo.

Con posterioridade, en abril, unha delegación da plataforma cidadá trasladárase a Bruxelas para manter diferentes entrevistas e reunións no ámbito da Comisión e do Parlamento Europeo e elevar ás institucións comunitarias a denuncia pola política “de ataques contra o galego” da Xunta de Galiza; unha situación que, segundo recordaba Queremos Galego, “non ten comparación en ningún outro territorio da UE cunha lingua minorizada que goce dalgunha protección”.

Amplo relatorio

No encontro a delegación da Mesa e de Queremos Galego entregará ao comité de expertos do Consello de Europa un amplo relatorio sobre a situación actual na que se encontran os dereitos da comunidade lingüística galega e a evolución da situación desde a emisión do anterior informe do Consello de Europa, en 2008, na que xa se sinalaba, por exemplo, “o escaso número de estudantes que recibían ensino en galego nas diferentes etapas educativas no ensino obrigatorio”.

Precisamente, neste relatorio que se lle exporá e entregará ao Comité de Expertos ocupará un lugar moi importante a “preocupante” situación da lingua galega no sistema educativo desde a aplicación do decreto 79/2010, o “mal chamado” decreto de plurilingüismo. Porén, haberá tamén espazo para sinalar a “lamentábel” situación da nosa lingua propia no ámbito da xustiza, sanidade, medios de comunicación, servizos e empresa ou mesmo os retrocesos que se están a dar en ámbitos como o da Administración Pública nos dous últimos anos, “desde que (des)goberna Demolicións Feijóo S.L.”.

cig.prensa@galizacig.com