O sindicato nacionalista puxo estes erros en coñecemento da conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, a quen tamén lle comunicou outras anomalías que vén detectando durante todo o concurso e que motivaron unha corrección que se publicará este venres. No escrito, a CIG-Saúde lémbralle que as formas Orense e La Coruña son “ilegais, xa que as únicas denominacións recoñecidas legalmente son Ourense e A Coruña”.
En opinión da central, esta actitude demostra que a actual Xunta de Galiza concibe o idioma do país coma un “estorbo” e fai todo o posíbel por “ocultalo e deostalo”. Diante disto, lembran que o galego é a lingua propia de Galiza e os topónimos galegos as únicas formas legalmente recoñecidas, “polo que emprazamos á conselleira a que, sen máis dilación, proceda a tramitar a corrección da aplicación informática que xera as solicitudes de traslado para que deixe de incorrer nunha ilegalidade”.
Finalmente, critican a “pasividade, torpeza e desidia” da Administración que preside Alberto Núñez Feijóo en todo o que respecta ao galego e aos topónimos propios do país e esixen “un mínimo de respecto” e unha política de defensa e promoción dunha lingua “que dende o Goberno galego están a torpedear constantemente”.