Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 5/9/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

CIG-Ensino convoca ao profesorado interino e substituto a mobilizarse contra a destrución de emprego e o recorte de dereitos

O vindeiro luns 10 de setembro ás 11:30 horas diante da Consellaría de Educación
A CIG-Ensino fai un chamamento ao profesorado interino e substituto e ao conxunto da comunidade educativa para que participe nunha concentración convocada para o próximo luns 10 de setembro ás 11:30 horas diante da Consellaría, en Santiago de Compostela. Esta mobilización ten como obxectivo denunciar a destrución de emprego que se está a producir no ensino público e que este ano afectará a 1.000 novos docentes e esixir a reposición dos dereitos do profesorado.

A CIG-Ensino lembra que o profesorado interino e substituto estase a ver especialmente afectado por medidas como a eliminación do contrato de verán ou os despedimentos derivados do aumento do horario lectivo, a redución de unidades, o agrupamento de alumnado de diferentes niveis ou a amortización de prazas do profesorado que se xubila.

Na adxudicación de destinos provisionais para Secundaria, Educación reduciu nun 55% o número de docentes que vai ter contrato para o curso 2012-2013 ao facer 999 adxudicacións menos. Estes datos súmanse á eliminación de 199 postos de traballo para o novo curso en Infantil e Primaria. Deste xeito, a destrución de emprego na Lexislatura que agora remata e á que Anxo Louzao, Secretario Nacional da CIG-Ensino, se referiu como “trienio negro” afectará a 2500 docentes.

Fronte aos recortes e na defensa dun ensino de calidade, a CIG-Ensino esixirá nesta nova mobilización que a Consellaría cese nos recortes, nos que foi pioneira, e dote aos centros de maior número de profesorado.

cig.prensa@galizacig.com