Os empregados, ademais das tres novas xornadas de folga, tamén decidiron realizar unha protesta coincidindo co primeiro día do VI Congreso do Comercio de Galiza, que se ha celebrar no Palexco, A Coruña, o 15 de novembro. O persoal fica convocado este día ás 10:00 horas.
A patronal aínda non se reuniu coa parte social desde a exitosa xornada de folga do 17 de outubro. As propostas dos empresarios limítanse a unha suba dos salarios acorde co IPC, mais sen contemplar unha cláusula de revisión. Tamén se negan a regular as xornadas en sábados e domingos, ademais da contratación a tempo parcial, predominante no sector. Con esta modalidade contractual os empregados adoitan percibir uns 400 euros.
Roberto Pérez Vila, responsábel do Comercio da CIG-Servizos da Coruña, critica as declaracións recentes de responsábeis da patronal do sector que poñen como pretexto a crise para ignorar as demandas lexítimas dos empregados. Pérez Vila lembra que a pretensión dos traballadores é a consecución dun convenio digno e subliña que os salarios do sector na provincia están entre un 10% e un 15% por debaixo dos de outros territorios.