Dentro dos debates organizados estesábado no marco do FSGal, a secretaria de Muller da CIG, Maricarme López Santamariña, o director xerente da Fundación Galiza Sempre, Xavier Macías, o catedrático de economía aplicada da USC, Xavier Vence, e o filósofo Antonio Domenéch propuxeron unha análise das causas da grave crise económica á que o neoliberalismo nos ten levado e cales son os rumbos cara aos que pode derivar o sistema.
Xabier Macías, director xerente da Fundación Galiza Sempre, foi o encargado de presentar o debate, ao que asistiron unhas 200 persoas, lembrando que “cando Chiapas ou Seattle, cando as primeiras edicións do Foro Social Mundial en Portoalegre o discurso antiglobalización era denostado por contrario a un supostamente inevitábel discorrer da Historia, e os seus protagonistas alcumados como mínimo de insensatos”, a pesar do cal o proceso e o discurso dos Foros Sociais foi gañando peso e influencia.
“Unha ollada galega permitirá confirmar como a globalización neoliberal arrasa coas potencialidades do autogoberno reducindo a capacidade de decisión e control popular sobre os propios recursos ou sobre as políticas económicas máis acaídas”, segundo Macías. Nesa liña, lembrou o papel xogado pola CIG e a Fundación no último Foro Social Europeo en Malmö, onde defenderon a necesidade de que calquera proxecto alternativo para Europa inclúa o debate sobre o dereito de autodeterminación e a soberanía dos pobos.
O director xerente da Fundación Galiza Sempre rematou aseverando que “a situación da crise mundial fai ver como outro mundo non só é factíbel senón necesario, despois de ollar como a maioría dos Estados socorren a bancos e entidades financieiras cun impúdico trasvase de cartos públicos”.
Perspectiva de xénero
A Secretaria de Muller da CIG introduciu no debate sobre a crise económica a perspectiva de xénero, para dar conta da realidade de discriminación e marxinación que sofren as mulleres no eido laboral, pero tamén como unha proposta de transformación. Maricarme López Santamariña referiuse á persistencia da división de roles, aprofundada en tempos de crise, que propicia que a mulle se vexa sometida “a unha dobre e mesmo tripla xornada de traballo”.
A responsábel de CIG-Muller realizou unha análise da evolución da incorporación da muller ao mundo laboral e como as situacións de crise afectan principalmente a este sector da poboación a causa das desigualdade que aínda perduran e que provocan que a precariedade laboral instaurada polo neoliberalismo vaia prexudicar dobremente ao sector feminino.
Para remantar a súa intervención, López Santamariña expuso unha batería de alterativas presentadas dende a central sindical contra a crise e en defensa da clase traballadora, que pasan por medidas na negociación colectiva, no emprego, no eido social e outras de caractér propiamente económico e industrial. “Temos que manter a loita sindical, política e ideolóxica a todos os niveis. Hai que ofrecer alternativas e promover accións, mobilizacións e reivindicacións que fagan posíbel que esta crise do modelo económico hoxe imperante no mundo se salde de forma favorábel á clase traballadora galega e a todas as traballadoras e traballadores do planeta”.
O papel dos movementos sociais
Pola súa banda, o catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Compostela, Xavier Vence, ofreceu unha análise das causas que orixinaron a crise económica. Vence apuntou ás posibilidades que abre esta situación para “emprender loitas ambiciosas”. Segundo afirmou, “a principal labor para dar a batalla política ao neoliberalismo pasa por reconstruír a sociedade parcelada polo mercado”.
Para o catedrático “estamos ante o fracaso do modelo neoliberal, pero outra cousa é a derrota certa dos que defenden este sistema” e advertiu da necesidade de explicar a raíz desta crise ao conxunto da sociedade, de xeito que o malestar social que se está a vivir actualmente "se poida converter nun elemento de transformación efectivo e real”.
Tampouco escatimou críticas contra as medidas que os gobernos teñen tomado para rescatar ao sistema neoliberal, de xeito que se están a investir “miles de millóns para salvar o modelo económico, que provocan trasvasar o a falta de cartos do sistema financiero ao sistema público”.
A ilusión de prosperidade
O filósofo catalán Antonio Domenéch cuestionou canto de novidoso ten esta crise dentro da historia do último século. Domenéch lembrou que se están a recuperar no mundo das finanzas palabras como “capitalismo” ou “imperio”, desaparecidas durante décadas do vocabulario de economistas e políticos. Domenéch sostivo ante os asistentes que a globalización se recuperou a partir da crise dos 70, logo de que se romperan os principios de Bretton Woods e o recoñecemento do dereito dos gobernos a controlar os movementos do capital.
“A ilusón de prosperidade deu base social ao neoliberalismo”, segundo apuntou o filósofo, quen afirmou que as tres vías de escape que o capitalismo promoveu trala crise do 73 (a reformulación do modelo, os novos mecanismos de financiación, e a mundialización) están esgotadas e polo tanto o capitalismo “demostrou que fracasou como sistema”. Agora queda por dilucidar “que é o que vai vir?”. E aí é onde terán que xogar un papel importante os movementos sociais como axentes promotores de cambios.