marco
Compostela, 6/2/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A Xustiza declara improcedentes os traslados de Atento-A Coruña a León

Recoñece o dereito dos traballadores e traballadoras a ser repostos nas súas anteriores condicións de traballo
No mes de novembro a empresa de telemarketing Atento, do Grupo Telefónica, comunicou o traslado de 27 traballadores/as da Plataforma da Coruña cara a León, entre eles estaban un delegado e unha delegada da CIG. Agora a Xustiza declarou improcedentes os traslados.

Dende que se coñeceu a comunicación dos traslados, a CIG denunciou que Atento só trataba de abaratar o despedimento do persoal afectado, polo que comezou un proceso de mobilizacións e presentáronse demandas xudiciais.

O pasado día 28 de xaneiro celebrouse o xuízo polo traslado de Carlos Brañas e María Xosé Liñares (representantes sindicais da CIG).

Agora a sentenza, declarou “improcedentes” os traslados, por non estar debidamente xustificados por parte da empresa, e recoñecendo o “dereito dos actores a ser repostos nas súas anteriores condicións de traballo”. Na sentenza non se entra a valorar a condición de representantes sindicais de Carlos e María, senón que se centra nas funcións que desenvolven como traballadores.

O 6 de febreiro tiña que celebrarse outro xuízo polo mesmo motivo, doutra afiliada da CIG, pero cando a empresa coñeceu a sentenza favorábel ao persoal, solicitou a suspensión do xuízo e pediu uns días de prazo para proceder a recolocación de todo o persoal que reclamou xudicialmente ante os traslados.

Dende a Sección Sindical da CIG en Atento avaliouse positivamente a sentenza por garantir o dereito ao traballo do persoal afectado.