Mentres, os traballadores e as traballadoras continúan coa acampada iniciada hai tres días como medida de presión á patronal para que sente a negociar unha saída satisfactoria ao conflito, que dunha vez dote dun convenio galego digno ao conxunto do persoal. Para facer máis cómoda a súa nova estadía, o persoal conseguiu sofás, un aparato de radio, parasoles e mesmo un televisor, que sempre ten a mesma imaxe. "Comodidades" que fan máis levadeira unha acampada que polo momento, aínda non ten data de finalización.
A vontade dos traballadores/as continúa a ser á volta ao diálogo, polo que mesmo estarían dispostos a facer algún tipo de concesión ou rebaixa da súa plataforma, de cara a procurar un acordo que poña fin á esta difícil situación. Hai que lembrar que dende o pasado 1 de febreiro os traballadores/as veñen secundando unha folga indefinida cos custos económicos e persoais que carrexa. Non obstante, tamén sinalan que teñen vontade abondo para chegar até o final nesta loita que xa se prolonga dende hai dous anos.