Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 6/4/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Os traballadores de Treves inician unha folga de 48 horas e péchanse na delegación da Xunta en Pontevedra

Reclaman garantías da continuidade do emprego máis alá do 2010 e que se respecten os salarios durante a aplicación do ERE temporal
Un grupo de traballadores/as da factoría de Treves pecháronse esta mañá na delegación da Xunta en Pontevedra para reclamar da administración información sobre as negociacións do novo expediente de regulación temporal que a multinacional francesa vai comezar a aplicar até finais de ano. O persoal, que iniciou hoxe dúas xornadas de folga na fábrica do Campiño para amosar o seu rexeitamento a esta nova regulación, demanda á empresa que garanta a continuidade do emprego máis alá de 2010 así como o respecto ao cobro dos salarios e as pagas extraordinarias durante o período de aplicación do ERE.

Os traballadores/as, que iniciaron o encerro pouco despois das 10:00 horas, solicitaron unha entrevista co delegado territorial da Xunta, aínda que finalmente foron recibidos pola secretaria do mesmo, quen lle informou que Xosé Manuel Cores Tourís non se atopa no edificio. Durante o encerro, disolto voluntariamente logo das 13:30 horas, o persoal recibiu a resolución favorábel do expediente, polo que dende hoxe mesmo, esta auxiliar da automoción poderá comezar a aplicar a regulación de traballo.

Segundo explicou o Secretario Comarcal da CIG de Pontevedra, Rafael Iglesias, traballadores e empresa chegaron a un acordo na negociación dos aspectos máis técnicos do ERE, aínda que non foi posíbel chegar a un pacto a respecto dos salarios, pois Treves rexeitou a demanda dos traballadores/as de cobrar o 100% das nóminas para aceptar a regulación de 38 días, ofertando só o 90% do salario e o 50% das extras. 

Garantías de futuro

Alén da cuestión salarial, os máis de 180 operarios están preocupados polo futuro da factoría de O Campiño, xa que a multinacional non achega garantías da continuidade dos empregos máis alá deste ano. Neste senso, Iglesias apuntaba que a produción da fábrica pontevedresa atópase moi ligada a un determinado modelo do Citroen Picasso, cuxa vixencia está prevista que se remate en 2013. Logo desa data, os traballadores/as descoñecen cal vai ser o seu futuro ou se verán repetida a imaxe de hai uns meses, cando Treves botou o peche á segunda factoría que posuía en Galiza, deixando na rúa a máis de 130 empregadas, a maioría delas mulleres.

Malestar coa empresa

Así mesmo, o Secretario comarcal da CIG de Pontevedra aclarou que a convocatoria da folga de 48 horas responde tamén á situación de malestar coa dirección existente entre o conxunto do persoal, por mor dos excesivos ritmos de produción impostos ou pola negativa a autorizar os permisos retribuídos correspondentes ao primeiro trimestre deste ano.

Nova xornada de folga

Mañá mércores, o persoal secundará a segunda xornada de folga, que hoxe mantivo paraliza completamente a produción, e está a estudar posíbeis mobilizacións a desenvolver para visibilizar na rúa ás súas demandas.   

cig.prensa@galizacig.com