Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 6/5/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
: 1º Maio : : catoira : : cedanosa :

Os traballadores de Cedonosa continúan na loita polo mantemento dos postos de traballo e a viabilidade da empresa

Histórica manifestación do 1º de maio
Cerámicas Dominguez do Noroeste (Cedonosa), unha fábrica de gres situada en Catoira, presentou o pasado mes de abril no Xulgado do Mercantil unha demanda de suspensión de pagos. Un proceso de especulación apoiado por fundos públicos, coa creación doutra planta idéntica en Teruel, mantén na incerteza a 87 familias. O 1 de maio Catoira botouse ás rúas para exixir futuro para esta planta e que se manteñan todos os empregos.

Esta planta de fabricación de gres leva funcionando en Catoira desde hai 60 años, con distintos propietarios á fronte. Chegou a ter máis de 600 empregados e na actualidade conta con 87 traballadores e traballadores. Hai quen conta con máis de 40 anos de antigüidade, e os que menos levan na empresa teñen xa nove anos de experiencia ás súas costas. Aquelas persoas que estaban contratadas por empresas de traballo temporal viron como os seus contratos non eran renovados.

Nos últimos anos Cedonosa montou a sua filial Ferrogres en Teruel, cun sistema produtivo mais moderno, mentres en Catoira as inversións que se fixeron foron de puro mantemento das instalacións e os cambios no sistema produtivo, ainda que melloraron, non o foron o suficiente para ter unha empresa moderna e competitiva.

Hai seis meses o antigo director xeral era despedido pola súa incapacidade para mudar a tendencia decrecente desta planta en Catoira, que acumula perdas superiores aos tres millóns de euros. A dirección contrata a outro xestor coa vontade de realizar un plan de re-estruturación e que dotara de medidas á empresa para superar o efecto da crise..

Cedanosa: da produción á especulación

Xoan Xosé Bouzas, da CIG Salnés, subliña que Cedonosa está dirixida por unha sociedade inversora, Iberfomento, Fondo Euro-Ico, Golden Limit, e que polo tanto "a súa única misión é a de obter a maior cantidade de ingresos posíbeis. Os inversores só procuran rendibilidade polo que é posíbel que teñan vontade de trasladar a produción á outra firma da fábrica en Teruel para abaratar custes".

O novo director da o primeiro paso que foi presentar un concurso de acredores e suspensión de pagos no Xulgado nº1 do Mercantil de Pontevedra, que o 28 de abril son admitidas a trámite.

Apoio municipal

O 26 de abril o BNG presentaba no concello de Catoira unha moción de apoio a estes traballadores, polo que se decide crear unha comisión de seguimento, con presenza de todos os grupos municipais para apoiar a este colectivo en conflito. Mesmo chegouse a convocar o 28 de abril un pleno extraordinario para apoiar a convocatoria da mobilización dos traballadores de Cedanosa o 1 de maio.

Manifestación o 1 de maio

Desde ese momento moitas son as noticias que apareceron na prensa: a posíbel venda de terreos, o despedimento de boa parte do persoal.. E mentres os traballadores e traballadoras organizaban a súa raiva coa preparación dun 1º de maio histórico na vila de Catoira, no que participarían máis de 1.000 persoas.

"O pobo de Catoira cos traballadores de Cedonosa, polo mantemento dos postos de traballo e a viabilidade da empresa" era o que se podía ler na faixa principal da primeira manifestación do 1º de maio na vila de Catoira. Esta pancarta estaba asinada polo Comité de Empresa e o Concello de Catoira.

Berros como "Cedanosa solución" ou "Queremos traballar e non mendigar" acompañaron esta mobilización que rematou coa lectura dun manifesto (anexado ao final desta nova) por parte do presidente do Comité de Empresa e delegado da CIG, Ramón Conde.

Neste manifesto reflectíanse o que son as demandas fundamentais deste colectivo: a loita polo mantemento dos postos de traballo; Por un futuro industrial para Cedonosa; Pola continuidade de Cedonosa en Catoira; Por unha Cedonosa rendible e competitiva; Polo apoio das Administracións para que Cedonosa poida continuar coa sua actividade empresarial.

Xuntanza do Comité de Empresa esta semana

O luns 5 de maio de 2008 celebrouse unha xuntanza do Comité de Empresa de Cedonosa e representantes das centrais sindicais CIG, UGT e CCOO.

Nesta reunión tratábase de analizar e por en común as accións a levar a cabo dada a situación que está a atravesar esta empresa. Tomáronse os seguintes acordos:

- Reivindicar e volver a insistir ante a Dirección de Empresa, para que se confirme cando se vai facer fronte á débeda con Endesa, para que se repoña canto antes o suministro de enerxía eléctrica, e o comezo da produción sexa inmediato.

- O Comité de Empresa solicitou á dirección que se lle presente o Plan de Viabilidade, que a empresa elaborou e que ía presentar diante do Consello de Administración.

- Enviar unha convocatoria aos Administradores Xudiciais para manter un encontro co fin de intercambiar información e coñecer a situación real da empresa no que se refire ao estado económico.

- Solicitar por parte do Comité reunións coas Delegacións Provinciais da Consellaria de Traballo para darlle a coñecer a situación na que se atopa o colectivo de traballadoras e traballadores, e as posíbeis consecuencias do plan de viabilidade, e coa Consellaria de Innovación e Industria, para darlle a coñecer as posíbeis saídas que se contemplan por parte do persoal no referente ao centro de Catoira.

Máis encontros nesta semana

Novos encontros e reunións terán lugar nesta semana para falar do futuro desta planta. O primeiro será o mércores 7 de maio ás 10 da mañá, onde participará o director da empresa cos sindicatos e o Comité de Empresa. E o segundo terá lugar o xoves 8 de maio pola mañá, encontro este no que se presentará o plan de viabilidade ao Comité de Empresa e ás centrais sindicais, e do que participarán o Consello de Administración e a consultoría que realizou este plan.

Documentos
manifestocedonosaprimeiromaio.pdf
cig.prensa@galizacig.com