Máis de 27.000 traballadores e traballadoras da provincia de Pontevedra están afectados pola negociación do convenio provincial do Metal, e que é a norma laboral para máis de 2.500 empresas. De feito, máis de 12.000 traballadores e traballadoras encheron as rúas de Vigo na primeira xornada dun paro de 48 horas convocado polas centrais sindicais CIG, CCOO e UGT.
Seguimento en Pontevedra
Na comarca de Pontevedra desde primeira hora da mañá sairon varios grupos de piquetes en Vilagarcía, A Estrada-Deza, Pontevedra e Marín. Marcos Conde, secretario comarcal da CIG-Metal de Pontevedra, avalia moi positivamente o seguimento da folga na comarca de Pontevedra onde "en Marín se xuntou un piquete de máis de 200 persoas, que percorreu o centro desta vila, e despois dunha asemblea ás doce decidimos ir cos compañeiros de Pontevedra concentrarnos diante da sede do Edificio Administrativo da Xunta de Pontevedra". Nesta delegación da Xunta solicitaron unha entrevista co novo delegado territorial do goberno galego, que lles negou esa posibilidade "por falta de espazo na súa axenda". Á tarde continuaron coa mobilización de piquetes.
Vigo: altísima participación
Na comarca de Vigo e desde primeira hora da mañá houbo concentracións de traballadores e traballadoras diante dos centros de traballo en Vincios, na zona do Porriño, Puxeiros e Mos, na Avenida de Madrid, no Camiño de Caramuxo, nos estaleiros de Barreras e Freire, nos estaleiros de Metalships e Vulcano, na área de Cangas e na de Ponteareas.
As nove da mañá sairon en manifestación desde Vulcano, asi como os traballadores da zona de Barreras ían até a zona do Polígono de Navia para informar da folga aos electricistas, fontaneiros e outros traballadores do Metal desta convocatoria de folga. Estas dúas marchas confluirían na Praza dos Cabalos, que cortaron durante máis dunha hora.
Marchas e cortes de tránsito
Desde a zona dos concesionarios de automóbiles na Avenida de Madrid, xuntáronse tamén os piquetes da zona de Mos e do Porriño, e realizaron desde as dez da mañá distintos cortes de tráfico, que se convertiría nunha marcha até a Praza dos Cabalos, para encontrarse cos compañeiros do resto do sector.
Desde este ponto de encontro, unha grande manifestación baixaba para a Gran Vía, xa que máis compañeiros agardaban na Praza de América, onde se cortou o tráfico durante máis de media hora. A marcha, que chegou a superar os 12.000 traballadores e traballadoras encamiñou finalmente os seus pasos cara a Praza do Concello, onde remataría esta grande mobilización cunha asemblea.
Paro xeralizado
Miguel Malvido, secretario nacional da CIG-Metal, en declaracións aos medios nesta praza, sinalou que "o paro está a ser xeralizado tanto nos estaleiros como nos polígonos industriais da provincia, polo que podemos falar dun éxito total nesta primeira xornada, que continuaremos mañá, e que dá boa conta da importancia e da forza deste sector".
Asemblea final
No teito do camión de Forga, que serviu de megafonía para esta asemblea final, situábanse os representantes das tres centrais sindicais. Antolín Alcántara, secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG, interviu nesta Praza para "pararnos un pouco a pensar ao que nos estamos enfrontando neste momento e que o que podemos cambiar con esta mobilización".
Nese sentido, Alcántara realizou un percorrido polo contexto actual, xa que "estamos nunha situación única, que moitos de nós non lembramos, e a resposta diante deste marco pode ser dura e pode tardar tempo, mais ten que ser un xeito inequívoco para derrotalos", e lembrou que "as propostas que está a presentar a patronal de maneira obsesiva en cada unha das reunións", que cualificou de "irrespetuosas, son "as mesmas propostas que están a realizar no resto de convenios".
A diferencia, salientou Alcántara, "é que nós temos capacidade para plantarlles cara e nós podemos romper esa doctrina empresarial".O secretario confederal de Negociación Colectiva engadiu que "nós reclamamos xustiza e salarios dignos fronte aos empresarios, que defenden a súa avaricia e codicia".
"Temos que ser conscientes do que nos estamos enfrontarnos para non fracasar", indicou Alcántara, e explicou a "complexidade dun sector", e defendeu a unidade do convenio do Metal, porque "esa é a nosa forza", e animou aos traballadores a "botarlle valentía a isto, porque vai ser duro".
Contratación en condicións inferiores ás marcadas no convenio
Antolín Alcántara, sobre a polémica polo paro do 5 de maio en Barreras contra a contratación irregular de traballadores neste estaleiro con condicións inferiores ás marcadas polo convenio, que na súa maioría está a sufrir esta discriminación o colectivo de inmigrantes, fixo referencia ás acusacións dexenofobia e racismo realizadas contra a CIG, e subliñou que "os racistas son os xefes mal nacidos que contratan a estranxeiros para sobreexplotalos epagarlles menos".
Piquetes pola tarde tamén en Vigo
No local da CIG de Vigo realizouse unha asemblea á tarde para poñer en común información sobre esta xornada de folga e continuar co labor dos piquetes, que se desprazaron á tarde ás zonas de Navia e a estrada de Baiona, entre outras áreas.
Na xornada do 7 de maio comezarán desde primeira hora da mañá de novo as concentracións nas distintas zonas, nas que realizarán asembleas, e decidirase que accións levar a cabo na segunda xornada.
Máis imaxes
Nesta ligazón podedes consultar máis imaxes desta xornada, na galería gráfica da nosa web.