Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 6/5/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Persoal do Pastor e Popular concéntrase en demanda de información sobre o seu futuro laboral e por unhas condicións dignas

As Seccións Sindicais da CIG en ambas entidades defenden o mantemento dos empregos na Galiza
Traballadores e traballadoras dos Bancos Pastor e Popular realizaron unha nova concentración o venres 4 de maio na Coruña para demandar das direccións de ambas entidades información sobre os custes laborais do proceso de absorción, esixir a negociación colectiva das condicións de traballo e defender a continuidade dos empregos en Galiza. A mobilización, convocada polas Seccións Sindicais da CIG no Pastor e no Popular, repetirase novamente o martes e xoves da semana próxima.

Durante a concentración, a CIG volveu denunciar a situación de incerteza na que permanece o conxunto do persoal, xa que non existe negociación por parte das direccións coa representación dos traballadores/as, a pesar de que xa pasaron seis meses do anuncio da absorción e a partir do primeiro de xullo Banco Pastor desaparecerá como entidade.

Neste senso, a Secretaria da Sección Sindical da CIG no Pastor, Gladys Afonso, explicou que na última xuntanza entre a parte social e  representantes de ambos os dous bancos, celebrada o pasado 26 de abril en Madrid, as empresas seguiron sen aclarar que intencións teñen a respecto dos traballadores/as das dúas entidades, limitándose a informar das oficinas que se van fusionando (88 até o venres 27 de abril), pero sen concretar onde se reubicará ao persoal "sobrante" das mesmas.

Así mesmo, segundo informou Afonso, os representantes dos bancos seguen negando información sobre o futuro do persoal dos Servizos Centrais e dos conseguintes postos de traballo que van destruír na Coruña. Dende a Sección Sindical da CIG-Banca advirten que perigan arredor de 500 empregos nos Servizos Centrais, unha vez finalizado o proceso de prexubilacións, aos que habería que engadir o excedente de persoal xerado polo proceso de fusión e peche de oficinas e os máis de 300 postos das empresas do Grupo Pastor, que a día de hoxe nada saben do seu futuro.

A respecto do prometido centro administrativo operacional na Coruña, anunciado en outubro polos presidentes do Banco Pastor e Popular, e no que se recolocarían boa parte dos empregados/as de Servizos Centrais, a representante sindical apuntou que na reunión en Madrid, agora as empresas indicaron que até o final do proceso de absorción non poderán informar sobre o obxectivo e persoal que vai ocupar este servizo.

cig.prensa@galizacig.com